A Tecnópole participa novamente en Ciencia e Tecnoloxía en Feminino, que chega á súa 6ª edición
luns, 13 de novembro do 2023
O
Parque
Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) participa no proxecto Ciencia
e Tecnoloxía en feminino, promovido pola Asociación de
Parques Científicos e Tecnolóxicos de España (APTE), na que está
integrado. O obxectivo desta iniciativa é “lograr que aumente a
porcentaxe de alumnas que elixen a especialidade de Ciencias ou
Tecnoloxía en Educación Secundaria e opten posteriormente por
carreiras de Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría ou Matemáticas, STEM
polas súas siglas en inglés, debido á súa baixa participación
nestas materias”.
A
sexta edición do proxecto arrancaba este 13 de novembro en 19
parques e múltiples centros de Educación Secundaria de toda España.
Este programa diríxese a estudantes de 1º a 3º da ESO e tamén
está aberto aos últimos cursos do ensino primario, que poderán
participar nunha serie de xornadas e actividades organizadas polos
diferentes parques colaboradores ata o mes de abril de 2024.
Tecnópole
creou unha serie de vídeos nos que as protagonistas son mulleres con
postos de responsabilidade en empresas que están a participar no
programa Galicia Avanza, promovido pola Xunta de Galicia e
Tecnópole. Difundiranse a través das redes sociais do Parque para
animar ás mozas a estudar carreiras científico-tecnolóxicas.
Ademais,
vanse celebrar tres xornadas os días 9, 15 e 19 de febreiro de 2024,
coincidindo co Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia.
Contarase coa participación de varias mulleres científicas,
empresarias ou tecnólogas da contorna do Parque, que relatarán a
súa experiencia persoal e profesional, axudando ao alumnado a
descubrir as novas posibilidades que lles poden abrir estas
disciplinas.
Tamén
haberá obradoiros prácticos de temática científica e tecnolóxica,
que “achegarán a ciencia e a tecnoloxía de xeito práctico e
divertido, contribuíndo a derrubar falsos estereotipos sobre
actividades tradicionalmente adscritas ao público masculino”,
explicaron fontes da Tecnópole, engadindo que estas actividades
serán conducidas por Patricia Barciela, directora da Domus - Museos
Científicos Coruñeses. Os centros interesados xa poden contactar
con Tecnópole para participar nestas xornadas.
As
rapazas e rapaces poderán participar ademais no concurso nacional
Propostas Innovadoras aos Retos para o Desenvolvemento
Sustentábel. Estes retos están vencellados coa saúde e
o benestar, a igualdade de xénero, a enerxía accesíbel e non
contaminante, o traballo decente e crecemento económico, a acción
polo clima… A gañadora ou gañador nacional darase a coñecer
nunha xornada que terá lugar en Madrid no mes de abril do vindeiro
ano.
Só
o 12% do alumnado que realiza estudos TIC son mulleres
A
Tecnópole fai saber que a fenda de xénero en estudos STEM é un
problema que “ten importantes consecuencias no noso actual sistema
de innovación, debido a que non se está a contar co talento do 100%
da poboación”. Por iso, desde os parques científicos e
tecnolóxicos españois estase a contribuír a través desta
iniciativa a reducir a brecha de xénero neste eido, co fin de crear
un sistema de innovación máis competitivo.
Segundo
as cifras aportadas por APTE, só o 30% do alumnado universitario no
ámbito STEM son mulleres, tanto en España como nas medias
internacionais. Ademais, os datos globais reflicten que só 24
mulleres de cada 1.000 se gradúan en estudos TIC e delas só 6
traballan no sector tecnolóxico. En España a proporción de
mulleres en estudos TIC alcanza soamente o 12%.