A Televisión de Galicia inicia emisións en alta definición

luns, 25 de marzo do 2019 Marcus Fernández

Durante o ano pasado a Corporación da Radio Televisión de Galicia (CRTVG) fixo grandes esforzos dentro do seu proceso de dixitalización, e mañá mesmo vai concretarse este traballo nun grande fito para as canles públicas galegas, xa que a TVG e a tvG2 iniciarán as súas emisións en alta definición a través da Televisión Dixital Terrestre (TDT), mantendo as emisións en definición estándar.
Temos así que os espectadores da Galega continuarán a recibir o sinal televisivo en definición estándar pero, de realizar unha resintonización nos seus televisores (nalgúns equipos a detección das canles en HD será automática), terán tamén a opción de ver os contidos en alta definición, que nos últimos meses xa foron incorporándose ao servizo de televisión á carta da páxina web da CRTVG, e que agora chega ás emisións en directo, o que supón unha importante mellora na calidade de imaxe e son nos fogares galegos á hora de consumir informativos, deportes e outros contidos de lecer e cultura que completan a grella da TVG.
Para dar conta da estrea das canles televisivas da Galega en alta definición crearon un micrositio web no que responden ás preguntas máis frecuentes sobre a estrea da alta definición e inclúen ligazóns ás guías de resintonización e ordenación de canles dos principais fabricantes de televisores, facilitando así esta transición que será só unha das moitas iniciativas de modernización que ten en curso a CRTVG.

Vídeo promocional da estrea das emisións el alta definición

PUBLICIDADE