A UCGAL enfila o Nadal axudándonos na nosa elección de compañía de telecomunicacións

mércores, 18 de decembro do 2024 S. P.

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), en colaboración coa Asociación de Internautas e a Asociación pro Derechos Civiles, Económicos y Sociales (ADECES), presentou nesta recta final de ano os resultados máis relevantes dos estudos anuais de calidade da banda larga e de atención ao cliente, ofrecendo unha visión completa do rendemento das compañías.
No balance final faise saber que no contexto das festas e das compras de dispositivos e solucións tecnolóxicas, esta análise pode servir “como guía para axudar aos consumidores a tomar decisións informadas que garantan conectividade e satisfacción durante todo o ano”.
Entre as conclusións máis relevantes figura a seguinte: este 2024, o sector das telecomunicacións en España amosou un panorama marcado pola solvencia técnica, a calidade do servizo e as diferenzas notábeis entre os principais operadores.
Segundo os estudos presentados e parte dos cales puidemos coñecer xa hai uns días, Movistar destaca como o líder en banda larga fixa cunha puntuación de 8,7 e en banda larga móbil con 7,8. “Estes resultados”, explica a UCGAL, “reflicten un índice baixo de avarías e tempos de resolución significativamente máis rápidos”. Ademais, case o 99% das avarías son resoltas dentro das primeiras 48 horas, superando amplamente aos seus competidores, engádese no informe.
Nas conclusións, a Unión de Consumidores di que Vodafone e MásMóvil situáronse entre os operadores “menos fiábeis”, con puntuacións medias de 6,05 e 6,18 respectivamente. “O alto índice de avarías e os longos tempos de espera penalizan a súa valoración global”, engádese.
No caso da banda larga fixa, a maioría dos operadores manteñen velocidades de descarga superiores ao 95%, con excepción de Vodafone (89%) e Digi (92%). Con todo, en banda larga móbil persisten déficits notábeis, “onde operadores como MásMóvil e Digi non superan o 30% do caudal ofertado”, sinálase, engadíndose que “estes resultados destacan a necesidade de mellorar a infraestrutura móbil para atender as demandas crecentes de conectividade”.
Nas conclusións tamén se indica que “a atención ao cliente segue sendo un eido de mellora para moitos operadores”. Movistar lidera nesta categoría cunha puntuación global de 6,64, grazas a “unha atención personalizada máis eficiente e unha mellor resolución de incidencias”, sinálase.
Comprobouse ademais que persisten problemas que afectan a experiencia dos usuarios. Por exemplo, os tempos de espera para acceder ao servizo técnico superan os catro minutos na maioría dos operadores, chegando a case seis minutos en Movistar e Orange. Pola contra, Vodafone rexistrou o menor tempo de espera con 225 segundos, mentres que o resto móvense entre 45 e 79 segundos. En canto á resolución de avarías, no informe dise que “Movistar destaca cunha media de 46 horas”. Ademais, a eficacia da asistencia técnica remota oscila entre o 38% e o 50%, revelando a necesidade de mellorar os protocolos para evitar rutinas repetitivas e facilitar o acceso directo a persoal cualificado. Os prazos de instalación tamén varían de xeito significativo, con diferenzas de ata 22 días entre o prometido polos operadores e os comunicados oficialmente, o que resulta frustrante para moitos clientes. Estes factores destacan a urxencia de optimizar os servizos de atención para garantir unha experiencia máis fluída e satisfactoria.
A UCGAL lembra que “unha práctica preocupante é o uso indebido do DNI por parte dalgúns operadores para ofrecer información comercial, algo que vulnera a normativa de protección de datos; e isto súmanse chamadas invasivas e unha comunicación pouco transparente sobre penalizacións por permanencia”.
Recomendacións da UCGAL para este Nadal
1. “Calidade e solvencia técnica: Movistar lidera en termos de fiabilidade e rapidez na resolución de avarías. É a opción ideal para aqueles que buscan estabilidade e menos interrupcións nos seus servizos”.
2. “Atención ao cliente: Para un soporte rápido e eficaz, Movistar e Vodafone destacan, aínda que esta última debe mellorar noutros aspectos”.
3. “Transparencia e custos: A ausencia de permanencia fai que Movistar e Pepephone sexan opcións atractivas. Non obstante, revisa sempre os termos antes de contratar calquera servizo”.
4. “Cobertura e conectividade rural: Se resides en áreas menos poboadas, prioriza operadores con boa cobertura en fibra óptica e 5G, como Movistar”.
5. “Velocidade móbil: Para usuarios que dependen de internet móbil, Vodafone e Orange ofrecen mellores velocidades de descarga e subida en comparación con operadores como MásMóvil ou Digi”.
Do resultados destes estudos, a UCCAL destaca tamén a necesidade de reducir as barreiras de acceso tecnolóxico, especialmente en áreas rurais, e incrementar a formación en competencias dixitais. Ademais, promover a colaboración público-privada para universalizar o acceso á alta conectividade, clave para avanzar na cohesión social e territorial. “Neste Nadal”, sinala a organización galega, “a elección dunha boa compañía de telecomunicacións pode marcar a diferenza entre unha experiencia conectada sen interrupcións ou problemas recorrentes”.