A UCGAL fai un chamamento a prol da protección de datos persoais no Día dos Dereitos do Consumidores

xoves, 15 de marzo do 2018 Redacción

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) está a celebrar este 15 de marzo o Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, unha efeméride cuxo lema de campaña centrouse este ano nos mercados dixitais e no gran espallamento que tiveron nos últimos anos. Segundo lembra UCGAL, a campaña está a poñer o foco nos desafíos que representan os mercados en liña para as persoas consumidoras e para as entidades que velan polos seus dereitos. Nesta data de tal relevancia, a organización galega quere poñer o foco en tes cuestións “cuxos efectos sobre o conxunto da cidadanía galega aínda está por determinar”. Trátase da actualidade do caso Volkswagen en Portugal, a sanidade e a protección de datos.
Respecto do tema que nos ocupa en Código Cero, a salvagarda da información e da privacidade, UCGAL quere facer fincapé no que considera unha realidade que non se pode deixar de lado: nas contornas dixitais, as relacións entre as liberdades e a seguridade, e as estratexias comerciais e de xestión, “non están exentas de tensións”. Neste senso, UCGAL considera “que os grandes retos que afrontan os consumidores na era dixital están relacionados coa xestión e salvagarda da privacidade e a protección dos datos de carácter persoal”. Por este motivo impulsou en colaboración coa Asociación de Internautas e a Asociación Pro Dereitos Civís Económicos e Sociais (ADECES) a Plataforma pola Seguridade e a Privacidade Dixital, polas súas siglas PSPD, unha plataforma interasociativa de carácter aberto, centrada en tratar temas relacionados coa seguridade e a privacidade dixital.

PUBLICIDADE