A UCGAL fai un chamamento en Madrid a prol dunha maior divulgación dos nosos dereitos dixitais

luns, 10 de xuño do 2019 Redacción

O secretario xeral da UCGAL, Miguel López; o representante da Asociación de Internautas, Javier Cuchí; a presidenta de ADECES, Carmen Rodríguez

A semana pasada celebrouse en Madrid unha xornada sobre protección de datos e dereitos dixitais que contou con presenza galega. Máis polo miúdo a do secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Miguel López Crespo. Na cita, desenvolvida na sede de Comisións Obreiras, tamén interviñeron o representante da Asociación de Internautas, Javier Cuchí e a presidenta de ADECES, Carmen Rodríguez. A xornada serviu para botar luz ante o novo escenario xerado polos novos regulamentos que afectan ao tratamento da información online (máis rigorosos e restritivos) e que consecuencias (vantaxes, desafíos, oportunidades) ten esta nova orde cousas para os cidadáns de pé.
Precisamente, a intervención do representante dos consumidores galegos xirou arredor da sociedade civil e de como esta pode afrontar os retos tecnolóxicos nas súas relacións de consumo. López Crespo falou sobre “os perigos” do traspase das relacións de consumo ao mundo dixital: “Son moitos os consumidores que descoidan aspectos básicos desas relacións debido ao descoñecemento dos seus dereitos, especialmente aqueles relacionados coa protección de datos e a privacidade nas entornas dixitais”. Na súa opinión, “os datos sobre a preocupación e a importancia que a cidadanía lle outorga á protección de datos tras un ano da implantación do RGDP son demasiado optimistas”.
A continuación, lembrou que “nin os poderes públicos nin as empresas están a facer todo preciso para paliar a fenda existente entre o avance tecnolóxico e o cidadán” e engadiu que “no deseño das axendas dixitais deben habilitarse e pórse en marcha non só accións dirixidas a poñer en valor a transformación dixital senón tamén aquelas que capaciten mellor á cidadanía”.
A xeito de remate, recalcou “a importancia da unión e a comunicación entre entidades e asociacións” á hora de afrontar os retos que o novo escenario propón, aproveitando este encontro para presentar a Plataforma pola Seguridade e a Privacidade Dixital (PSPD). Segundo recordou, é “unha plataforma interasociativa e aberta, centrada en tratar temas relacionados coa seguridade e a privacidade dixital e creada, de forma conxunta, pola Asociación de Internautas, a Asociación Pro Derechos Civiles Económicos y Sociales (ADECES) e a Unión de Consumidores de Galicia”.
A xornada completouse coas intervencións do representante da Asociación de Internautas, Javier Cuchí e da presidenta de ADECES, Carmen Rodríguez. A intervención de Cuchí estivo centrada na importancia da defensa dos dereitos cívicos nun escenario tan cambiante como o actual; mentres que a representante de ADECES fixo un percorrido actualizado polo cambio de paradigma que comporta a dixitalización.
Despois da quenda de Rodríguez, falou o xurista e investigador en dereito, Miguel Vieito; seguido da doutora en Dereito Constitucional da UCM e Secretaria e asesora xurídica da Asociación de Internautas, Ofelia Tejerina. O programa pechouse coa intervención do profesor, avogado e consultor, Borja Adsuara.

PUBLICIDADE