A UCGAL organiza en Bertamiráns dúas charlas sobre banca electrónica e comisións

xoves, 7 de decembro do 2023 S. P.

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) vai impartir no concello de Ames dúas charlas informativas sobre comisións e custos bancarios, e acceso e funcionamento da banca electrónica. A primeira charla terá lugar o 11 de decembro, ás 16:00 horas, no Centro de maiores de Bertamiráns; e a segunda será o xoves 14 de decembro, ás 19:00 horas, no Centro de maiores do Milladoiro. Esta actividade enmárcase no acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).
Nestas dúas sesións divulgativas, dirixidas principalmente ás persoas maiores, falarase de comisións bancarias e a súa legalidade, controis e límites por parte do Banco de España, e das comisións máis frecuentes. Así mesmo, tamén se exporán as mellores opcións para evitar estas comisións e farase unha introdución ao acceso á banca online. Por último, ante as cada vez máis frecuentes estafas bancarias, darase unha aproximación ás máis habituais para saber como recoñecelas.
Ademais, explicarase como se descargan os Bonos Consuma, que se enmarcan dentro do programa de incentivos a través de tarxetas bono, co obxectivo de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. Os bonos estarán dispoñíbeis na aplicación móbil para a súa descarga desde o 15 de decembro de 2023 ata o 31 de xaneiro de 2024.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “as charlas que imparten os técnicos e técnicas da Unión de Consumidores de Galicia son sobre temas de interese e actualidade. Neste caso farase unha xuntanza informativa sobre as comisións bancarias e maila banca electrónica, temas que serán de grande axudas para a veciñanza amesá, e en especial para os veciños e veciñas da terceira idade”.
Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). En virtude disto, os veciños e veciñas poden resolver as súas dúbidas de consumo solicitando cita previa para dispor dos servizos que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia, tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Deste xeito poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.
O persoal técnico da UCGAL atende ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas, e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico ao enderezo info@consumidores.gal.

PUBLICIDADE