A UDC, Navantia e GAIN estreitan a súa colaboración arredor do estaleiro 4.0

mércores, 12 de maio do 2021 Redacción

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, o alcalde do Concello de Ferrol, Ángel Mato Escalona, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey Vilar, e o director de Tecnoloxías e Transformación Dixital de Navantia, Donato Pérez de Rojas, inauguraron na mañá deste 12 de maio a Xornada de Difusión da Unidade Mixta de Investigación UDC–Navantia no Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol e que se puido seguir en liña a través de YouTube. Foi unha mañá de traballo e de intercambio de coñecemento arredor da confluencia entre novas tecnoloxías intelixentes e industria naval.
Na súa intervención, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, salientou “a importancia de seguir priorizando a relación entre a universidade e a empresa” e citou a unidade mixta UDC-Navantia como a “máxima representación” da transferencia de coñecemento dentro da institución. Nisto incidiu tamén o director de Tecnoloxías e Transformación Dixital de Navantia, Donato Pérez de Rojas, quen interveu de xeito telemático, e subliñou a importancia da colaboración existente entre a empresa Navantia, a UDC e a Axencia Galega de Innovación.
Pola súa banda, a directora de GAIN, Patricia Argerey Vilar, asegurou que o modelo de unidades mixtas, creado en 2014, está a ser “todo un éxito e está a ter un impacto máis que significativo na cadea de valor no sector naval”. O alcalde do Concello de Ferrol, Ángel Mato, aproveitou a súa intervención para instar “a que todo traballo realizado polos 50 investigadores que integran a UMI UDC-Navantia sexa implantado no estaleiro á maior brevidade posíbel”.
Ao longo da xornada, os integrantes da UMI UDC–Navantia presentaron un total de 13 proxectos de investigación realizados baixo o paraugas da Axencia Galega de Innovación a través do programa de subvencións para a consolidación de unidades mixtas de investigación aliñadas cos retos estratéxicos e prioridades identificados na Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia).
Ao remate das intervencións, celebrouse o peche das xornadas a cargo do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya Fernández, e do director de Tecnoloxías e Transformación Dixital de Navantia, Donato Pérez de Rojas, quen interveu novamente de xeito telemático.
Proxectos de Investigación
-Operación Asistido – Rubén Miguel e Javier Cuadrado
-Auto Identificación de Produtos Intelixentes – José Varela e Tiago Fernández
-Realidade Aumentada – Miguel Vilar e Tiago Fernández
-Sistemas Autoreconfigurables – Carlos García e Vicente Díaz
-Tubo de Peche – José Ramón Sáez e Alejandro Paz
-UAV´s – Rubén Ferreiroa e Álvaro Deibe
-Control Estadístico de Procesos – Álvaro Brage, Ricardo Cao e Margarita Amor
-Utilización de Adhesivos en Construción Naval – Juan Carlos Díaz-Robles e Ramón Artiaga
-Modelado e Simulación de Procesos de Eólica Mariña – Adolfo Lamas
-Modelado e Simulación de Procesos no Estaleiro e Optimización de Procesos – Rubén Miguel e Diego Crespo
-Sistema de Servizos Integrados – Carlos Blanco e Luis Castedo
-Xemelgo Dixital – Juan Ignacio Silvera e Alicia Munín

PUBLICIDADE