A UDC abre unha canle dixital de deportes para facermos exercicio na casa

venres, 20 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

Segue a chuvia de iniciativas para axudarnos a levar da mellor maneira posíbel a reclusión forzosa por mor do COVID-19. A Universidade da Coruña puxo en marcha este venres 20 de marzo unha iniciativa que xunta o tecnolóxico co lecer e co deportivo. Trátase dunha canle específica en UDCTV que achega vídeos en aberto para botarnos unha man en materia de exercicios no fogar. O obxectivo é todas e todos poidamos seguir estas pílulas audiovisuais de curta duración e poder logo establecer rutinas en base a elas.
Detrás da iniciativa atópase a Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte. Segundo fai saber a vicerreitora Cristina López Villar, profesora da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física, a canle deportiva tenta lembrarnos o importante que é ter actividade física na casa, “porque fainos sentir alegría, benestar e tranquilidade, axuda a evitar o estrés, a ansiedade e mesmo a dor”, polo que anima a todo o mundo, especialmente ás persoas que están a facer teletraballo, a seguir estes vídeos xa dispoñíbeis na devandita canle de UDCTV.

PUBLICIDADE