A UDC ábrese ao futuro alumnado con xornadas de portas abertas virtuais

venres, 10 de xullo do 2020 S. P.

A Universidade da Coruña organiza unhas xornadas de portas abertas virtuais os vindeiros días 14 e 15 de xullo, co obxectivo de dar a coñecer os seus estudos ante o futuro alumnado. As xornadas, organizadas desde a Vicerreitoría de Estudantes, ofrecerán información e actividades para que, en palabras da UDC, “o futuro alumnado universitario atope a súa titulación idónea de cara á matrícula do próximo curso”. Para o devandito obxectivo, haberá vídeo-conferencias de todas as titulacións de grao en directo con chats a través de Teams, testemuños e actividades en liña, con propostas de retos aos usuarios.
Tamén se amosará a vida universitaria con información das residencias universitarias, das iniciativas de deporte, cultura, emprego, cooperación e voluntariado que se organizan habitualmente na Universidade da Coruña, ademais de informar doutros servizos universitarios como o Centro de Linguas, a Oficina de Relacións Internacionais, a Oficina de Medio Ambiente, a UDC Saudábel, a Atención á Diversidade e o Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (Cufie), entre outros.


PUBLICIDADE