A UDC acolle un ciclo de relatorios sobre casos concretos de desenvolvemento TIC no eido das bibliotecas

martes, 6 de novembro do 2012 Redacción

O Salón de Graos da Facultade de Humanidades e Documentación, no Campus de Ferrol, acolle este martes 6 de novembro a sesión inaugural do Ciclo de Conferencias sobre Arquivos e Bibliotecas: novas tendencias, xeiras de relatorios que, tal e como avanzan no seu epígrafe, abordarán cuestións intimamente ligadas ás tecnoloxías do coñecemento, por ser estas recurso de primeira liña, na actualidade, para a preservación, rexistro e divulgación das obras. De feito, o ciclo servirá entre outras cousas para afondar en exemplos concretos de virtualidade bibliográfica que se están a materializar arestora, como o proxecto BiblioSaúde do SERGAS.
O primeiro relatorio desenvolverase a partir das 17:30 horas e levará por título Relacións arquivísticas: cooperación e colaboración no sistema de arquivos da provincia de Lugo. Correrá a cargo de Olimpia López Rodríguez, xefa de Sección do Arquivo Xeral da Xunta de Galicia en Lugo, e Mª Dolores Pereira Oliveira, directora do Arquivo Histórico Provincial de Lugo.
O ciclo reanudarase o xoves, 15 de novembro, tamén en horario de 17:30 horas. A conferencia levará por título A Biblioteca Virtual do Sistema Sanitario de Galicia: BiblioSaúde, e correrá a cargo de Carlos González Guitián, coordinador da Biblioteca Virtual do Sistema Sanitario Público de Galicia (BiblioSaúde), e Uxía Gutiérrez Couto, membro da Biblioteca Virtual do Sistema Sanitario Público de Galicia (BiblioSaúde) e Bibliotecaria da Área Sanitaria de Ferrol.
As sesións clausuraranse o martes, 20 de novembro, cun relatorio sobre A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, cara o novo modelo de biblioteca pública: A Biblioteca Nodal de Lugo, a cargo de Consuelo Meiriño Sánchez, xefa do Servizo do Sistema de Bibliotecas da Xunta de Galicia, e Marisol González Regal, directora da Biblioteca Nodal de Lugo.
O comité organizador destas xornadas está formado por Pedro López Gómez, Carmen Pérez Pais, Concepción Varela Orol e María González Bonome, todos eles da área de Biblioteconomía e Documentación da Facultade de Humanidades e Documentación.