A UDC analiza a consolidación do ecosistema fintech en España

venres, 24 de abril do 2026 S. P.

A Facultade de Economía e Empresa da UDC acolleu a presentación do informe Fintech en España. Nuevos modelos de Negocio, innovación y finanzas inclusivas, coordinado polos profesores Matilde Massó (UDC) e Carles Maixé (UDC) .
Este traballo está enmarcado no proxecto MONFIN: Money for Trasformation, que integra a profesorado das Facultades de Economía e Empresa e de Socioloxía da Universidade da Coruña, ademais doutras institucións (Northumbria University, University of Leeds, Universidade de Lisboa, Cide-México).
O informe foi presentado nunca mesa redonda que contou coa participación de representantes do sector bancario (José Antonio Suárez Sánchez- Innova/Abanca), o ecosistema fintech galego (David Conde, da tecnolóxica galega Coinscrap Finance) e o eido académico (Pablo de Andrés Alonso- UAM; Dolores Lagoa-UDC), seguido dun breve coloquio co público asistente.
Explicaron que o ecosistema fintech en España consolidouse como “un motor de innovación financeira nos últimos anos” e que o sector experimentou unha rápida evolución nos últimos 15 anos, ocupando espazos estratéxicos deixados pola banca tradicional tras a crise financeira de 2008. Neste sentido, José Antonio Suárez, de Abanca Innova, subliña que “as fintech non deben entenderse como novos bancos, senón como solucións específicas —tanto en modelos B2B como B2C— que xorden para cubrir nichos concretos do mercado e responder a necesidades moi definidas dos usuarios”.
Segundo indica o informe, un dos principais resultados é que a innovación no ámbito fintech baséase no desenvolvemento interno, sobre todo: o 91% das empresas analizadas crean os seus propios produtos. As tecnoloxías máis usadas son o Big Data, as APIs e as plataformas dixitais, priorizadas polo 55% das firmas. Ademais, esta innovación non só é tecnolóxica, senón tamén organizativa, con impacto nos procesos produtivos (47%) e na relación directa coa clientela (39%).
O estudo pon de manifesto así mesmo que o sector está formado maioritariamente por empresas de pequeno tamaño: o 55,3% son microempresas (menos de 10 persoas traballadoras) e o 38,3% pequenas empresas. “E a pesar desta dimensión reducida, presentan unha elevada capacidade de adaptación, cunha estrutura financeira caracterizada pola liquidez e o apalancamento, orientados ao crecemento e á expansión máis que á rendibilidade inmediata”, indícase.
Ademais, sinálase que a innovación fintech está a contribuír a unha maior diversificación da oferta e, como afirma Pablo de Andrés, catedrático de finanzas na UAM, a unha certa democratización do acceso aos servizos financeiros que antes se limitaban a grandes patrimonios.
Outro dos aspectos máis destacados é a evolución da relación entre as fintech e a banca tradicional cara a modelos de colaboración cada vez máis estreitos. Neste contexto, o 36% das empresas do sector mantén alianzas estratéxicas con entidades financeiras, que atopan nas fintech unha vía áxil para innovar, desenvolver novos produtos e testar solucións nun contorno máis flexible. Neste sentido, David Conde, director executivo da galega Coinscrap, sinalou que “o desenvolvemento do ecosistema fintech depende non só da capacidade de innovación, senón tamén do acceso a financiamento que permita escalar solucións e consolidar proxectos. O valor destas firmas reside en achegar innovación de forma áxil, complementando á banca tradicional e mellorando a experiencia do usuario a través de solucións máis personalizadas, pero tamén en contar cos recursos necesarios para transformar esas ideas en servizos reais con impacto”.