A UDC apúntase ás metodoloxías innovadoras de Inspira STEAM para rachar desigualdades

venres, 24 de xaneiro do 2020 Redacción

A Universidade da Coruña e o Centro de Investigación TIC (CITIC) veñen de lanzar un proxecto pioneiro para estimular as vocacións científico-tecnolóxicas das nenas e acurtar deste xeito a desigualdade existente nos ámbitos da investigación e o desenvolvemento, sobre todo nos eidos máis relacionados co dixital, onde diminúe cada ano a presenza de mulleres. Deste compromiso da UDC xorde o nodo Inspira STEAM A Coruña, unha iniciativa que abre novos vieiros para incrementar a vertente feminina nas contornas tecnolóxicas a través da metodoloxía do mentoring grupal.
Segundo informa a Universidade, o programa baséase en accións de sensibilización e de orientación dirixidas a estudantes de Primaria e impartidas por mulleres profesionais dos ditos eidos de actividade. A UDC lembra que se trata da primeira vez que se bota man da técnica de mentoring grupal nun proxecto de fomento das STEAM (Science,Technology, Engineering, Arts and Maths) entre estudantes de Primaria.
A iniciativa Inspira STEAM nace hai tres anos na Universidade de Deusto como un proxecto de responsabilidade social e voluntariado. A primeira edición desenvolveuse en 2016. De Euskadi, posteriormente, deu o chimpo a Cataluña, Madrid, Andalucía, Asturias, Pontevedra e agora na provincia da Coruña da man da Universidade da Coruña. En total, serán quince as mentoras que participen nesta primeira edición do nodo da provincia da Coruña: mulleres científicas e tecnólogas dos eidos da Enxeñaría Informática, a Enxeñaría Industrial, a Arquitectura, a Bioloxía, as Ciencias, a Enxeñaría de Camiños e Matemáticas, que desenvolven a súa actividade profesional en diferentes ámbitos (académico, empresas de xenómica, de videoxogos, de enxeñaría e de arquitectura, incluíndo tamén á directora da Domus e a unha mentora pertencente ao Servizo Galego de Saúde).
As mentoras traballarán coas mozas ao longo de seis sesións, onde se tratarán temas como os estereotipos que nos rodean, as profesións STEAM ou mulleres e ciencia ao longo da historia, para, en palabras da UDC, “axudarlles a disipar dúbidas e obxeccións sobre as profesións en ciencia e tecnoloxía, a clarificar as súas motivacións e a afianzar a súa autoestima para iniciar o seu camiño profesional”. A Universidade da Coruña ponse á disposición dos colexios interesados para organizar as sesións en función das inscricións a este programa Inspira STEAM.

PUBLICIDADE