A UDC avanza na súa relación con Huawei para desenvolver actividades conxuntas en materia de IA

martes, 31 de outubro do 2023 S. P.

A Universidade da Coruña recibiu este luns 30 de outubro unha nova visita de directivos de Huawei para analizar posibilidades de colaboración entre a institución académica e a multinacional. Esta visita, continuación da celebrada no mes de febreiro, avanza nas posibilidades de acordo entre ambas entidades.
O reitor, Julio Abalde, recibiu á delegación de Huawei formada por Valerie Sosto, Relacións Públicas España; Liu Ju, líder de SID España; Paco Hortigüela e Roi Rodríguez, do equipo de Intelixencia Artificial (IA) de SID. Por parte da Universidade da Coruña asistiron tamén Amparo Alonso, adxunta do reitor para IA; Marcos Ortega, coordinador do Nodo de IA de Dihgigal; e Alfonso Martínez, director da Cidade das TIC.
Na reunión, os representantes de Huawei explicaron a estratexia de Responsabilidade Social Corporativa da empresa, así como as diferentes iniciativas de talento e formación e as actividades de colaboración coas universidades. Por parte da UDC, presentáronse as posibilidades de colaboración conxunta para explorar sinerxías e desenvolver actividades en común centradas sobre todo en temas de Intelixencia Artificial.

PUBLICIDADE