A UDC clausura con éxito a 1ª quenda do campamento tecnolóxico da Cátedra ALDABA-WIB
venres, 27 de xuño do 2025
Este venres 27 de xuño rematou a primeira quenda do campamento tecnolóxico organizado pola Cátedra ALDABA-WIB da Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo, cun balance moi positivo, tanto pola elevada participación como pola implicación e entusiasmo da rapazada.
As 52 nenas e nenos asistentes desta edición, marcada pola ampliación das 30 prazas ofrecidas inicialmente debido á alta demanda, recibiron este venres 27 de xuño na Aula de Graos da Facultade de Informática da UDC os diplomas pola súa contribución ao coidado do planeta na misión Salvar a Terra.
Ao longo de catro días, o alumnado viviu unha aventura educativa onde a tecnoloxía foi a protagonista, combinando aprendizaxe activa cunha mensaxe clara de respecto polo medio ambiente.
Baixo o lema Salvar a Terra, a expedición Aldaba aprendeu xogando sobre Intelixencia Artificial, programación de robots, domótica ou adestramento con drons, a través dunha misión de protección medioambiental.
Os asistentes traballaron con ferramentas innovadoras como robótica con LEGO, Arduino, Drones, Micro:Bit, Edison, CoSpaces ou Deseño e impresión 3D. Así, cun enfoque totalmente práctico, o campus contribuíu a fomentar a creatividade, o pensamento crítico e o compromiso coa sustentabilidade dos seus participantes.
Dende a organización salientaron “a excelente acollida por parte das familias, a motivación do alumnado e a dedicación do equipo docente”, factores que consolidan esta terceira edición como “un novo éxito rotundo”. O campus, que se desenvolve na Facultade de Informática, reafírmase así como un espazo de referencia para o impulso das vocacións tecnolóxicas desde idades temperás e unha proposta educativa de referencia para o verán.
A segunda quenda do campamento dará comezo o vindeiro luns, 30 de xuño e durará ata o venres 4 de xullo.
