A UDC colabora na tradución ao galego do Calendario Científico Escolar 2022

martes, 18 de xaneiro do 2022 S. P.

A UDC, a través da Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística, colabora un ano máis co Consello Superior de Investigacións Científicas na elaboración da versión en lingua galega do Calendario Científico Escolar 2022, unha escolma de 365 destacadas efemérides do ámbito científico e tecnolóxico (nacemento de persoeiros, conmemoracións de descubertas ou contribucións salientábeis, etc.) dirixida principalmente ao alumnado de educación primaria e secundaria. Xa está operativa a ligazón para descargar o calendario na nosa lingua.
Esta iniciativa pretende “contribuír a achegar a cultura científica á poboación máis nova e crear referentes o máis próximos posíbeis ao seu día a día”. Por esta razón fíxose novamente un esforzo para divulgar persoas e achados do presente que sexan referencias para a xuventude e ao mesmo tempo “dean unha visión de dinamismo e actualidade”, segundo sinala a Universidade da Coruña, engadindo que nesta edición “prestouse unha especial atención ao fomento da linguaxe non sexista” e “ao aumento da visibilidade das mulleres científicas e tecnólogas para que as nenas e as adolescentes teñan modelos que promovan as vocacións científico-técnicas”. Tamén se puxo unha énfase particular en divulgar a actividade investigadora dos centros públicos españois.
Ten, ademais, a singularidade de que se trata dun proxecto plurilingüe que respecta a realidade lingüística estatal, con edición en castelán, galego, catalán, asturiano, éuscaro e aragonés, e tamén está dispoñible noutros catro idiomas, inglés, francés, esperanto e árabe. A Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña son os responsables da edición en galego.

PUBLICIDADE