A UDC comeza a súa axenda do 25N explorando as posibilidades dunha IA máis igualitaria
luns, 4 de novembro do 2024
A UDC, a través dos seus diferentes centros, facultades e grupos, preparou un amplo programa de actividades para celebrar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se leva a cabo como cada ano este 25 de novembro. Adiantándose a esta efeméride, a Universidade trae esta semana tres xornadas divulgativas co foco posto na igualdade, o feminismo, e a lexislación contra a violencia de xénero, respectivamente. Os tres eventos serán dende este 6 de novembro até o venres día 8 de novembro, na Facultade de Dereito da UDC (Campus de Elviña).
A primeira cita será as III Xornadas IA nesgos de xénero. Oportunidades para a igualdade, unha iniciativa promovida polo Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC), co obxectivo de abordar o impacto da Intelixencia Artificial na discriminación e desigualdades de xénero e explorar oportunidades para promover un ámbito tecnolóxico máis xusto e menos machista. Este evento, que se leva a cabo os días 6 e 7 de novembro, contará coa participación de especialistas nacionais e internacionais que compartirán a súa visión sobre a importancia da diversidade en equipos de IA e o papel das políticas reguladoras neste ámbito. As xornadas comezarán o mércores, 6 de novembro, co acto inaugural ás 09.30 horas, a cargo do reitor da UDC, Ricardo Cao; a alcaldesa do Concello da Coruña, Inés Rey; e o decano da Facultade de Dereito, Xulio Ferreiro. No acto inaugural tamén participarán o director do CITIC, Manuel González Penedo; e a directora do Centro de Estudos de Xénero e Feministas da UDC, Laura Castro.
De seguido, ás 10.00 horas, desenvolverase a conferencia Que nesgos importan? Envelenando conxunto de datos para clasificación de imaxes, impartida pola investigadora da Universidade Pública de Navarra Iris Domínguez. A continuación, Naira Bellio, membro de AlgorithmWatch, ofrecerá a charla Algoritmos ingobernábeis ou como investigar caixas negras. Para rematar a sesión, ás 12.30 celebrarase a mesa redonda Diversidade e tecnoloxía. Por que a IA necesita equipos inclusivos?, con Belén Valle Cao (NTTData) e Natalia Monje (Ecos do Sur). Ademais, xa pola tarde, desenvolverase un obradoiro colaborativo de Galipedia.
O xoves, 7 de novembro, as actividades comezarán ás 10:00 horas coa conferencia Píxeles, datos e neuronas, a cargo de Alba Meijide, experta en Intelixencia Artificial; seguida do relatorio Regulación da IA: desde a AI Act a outras regulacións internacionais, impartido por Belén Arribas, representante de ENATIC, IFCLA e o European Data Protection Board. Para pechar a xornada, ás 12:30 horas, celebrarase a conversa O papel da Administración na era da IA, con Javier Torres Gella, secretario xeral da AESIA; e Bertha Guijarro, profesora Titular da Área de Ciencia da Computación e IA da UDC.
En palabras da UDC, “estas xornadas permitirán reflexionar sobre os nesgos presentes nos sistemas de IA e promover o diálogo sobre a necesidade de equipos de desenvolvemento inclusivos que representen a diversidade da sociedade”. Ademais, trataranse as políticas de regulación actuais e o papel das administracións públicas na supervisión e control de aplicacións das ferramentas intelixentes.
O xoves, día 7 de novembro, a Facultade de Dereito tamén acollerá a primeira das citas da 3ª edición do ciclo de conferencias Diálogo entre Feminismos, organizado polo Centro de Estudos de Xénero e Feministas (CEXEF) da UDC, en colaboración co Centro de Investigacións e Estudos de Xénero da Universidade Autónoma de México (UAM). A encargada de impartir este relatorio inaugural será a doutora en Estudos Feministas Paola Marugán, gañadora do Premio á mellor tese de doutoramento no Concurso Laureana Wright 2023, organizado polo citado centro de investigacións da UAM. Na súa conferencia, titulada Forcejeos con la casa grande. Terrane e Vivências do balé das Iyabás, Paola Marugán abordará a súa propia investigación doutoral: unha análise interseccional de procesos creativos, prácticas descoloniais e articulacións comunitarias. A súa intervención será ás 18:00 horas (as 11:00 horas en México), e poderá seguirse en liña nesta ligazón.
A última das tres iniciativas celebradas na UDC esta semana, no arranque das actividades conmemorativas do 25N, será este venres 8 de. Ese día, o Salón de Graos da Facultade de Dereito será sede da xornada Dúas décadas de loita: balance e perspectivas da Lei integral contra a violencia de xénero, cunha sesión, impartida de 9.30 a 12.30 horas, coa que se quere conmemorar o XX aniversario da mencionada lei. Unha normativa pioneira que supuxo un antes e un despois na loita contra este tipo de violencia.