A UDC comparte o seu programa para celebrar a Noite Europea das Persoas Investigadoras

mércores, 15 de setembro do 2021 S. P.

A Universidade da Coruña compartiu este 15 de setembro o seu programa para celebrar a Noite Europea das Persoas Investigadoras, que se conmemora o 24 deste mes nunhas 4.000 cidades europeas, acollendo de xeito simultáneo diversos actos e eventos organizados para difundir a ciencia. Trátase dunha iniciativa con dez anos de traxectoria e que chega por primeira vez á Galicia. Pola nosa terra, sumáronse as Universidades de Coruña (UDC) Santiago (USC) e Vigo (UVigo). Xuntas organizarán de xeito conxunto diversas actividades nas sete cidades de Galicia, abertas ao público en xeral, co lema de G-Night (Galicia Night).
No caso da UDC, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a coordinadora da Unidade de Divulgación Científica e Cultural da UDC, Cristina Naya, e o concelleiro de Educación, Memoria Histórica, Innovación, Industria e Emprego, Jesús Celemín, presentaron o programa de actos organizado pola institución académica para as cidades da Coruña e Ferrol. A G-Night da Coruña e Ferrol está organizada con actividades en horario de mañá, tarde e noite, abertas ao público en xeral e ás que haberá que inscribirse na web a partir do 17 de setembro. Na Coruña haberá visitas guiadas aos centros de investigación da Universidade, CITEEC e CITIC. Tamén haberá visitas guiadas ao MUNCYT, así como obradoiros e debates sobre as vacinas. No Acuario, o CICA organiza diversos obradoiros sobre algas mariñas e o problema dos microplásticos. O CICA organiza tamén o concurso de fotografía dixital Green Contrasts. Na Domus, desenvolveranse charlas científicas e obradoiros. Tamén está previsto que haxa actividades en distintos centros de secundaria da cidade con obradoiros de enerxía eólica, bioloxía ou química. Finalmente, no bar La Consentida haberá charlas sobre ecoloxía.
En Ferrol, o CIT acollerá varios obradoiros de diversas temáticas como robótica, Realidade Aumentada ou tecnoloxía láser, entre outras. Tamén está previsto realizar unha visita guiada á lagoa de Doniños. Ademais destas actividades en formato presencial realizaranse outras en liña a través da web do G-Night. Todas as actividades son gratuítas, previa inscrición.
No caso da UVigo e a USC compartiremos o programa completo de actividades ao longo destes días.

PUBLICIDADE