A UDC conmemora o 50 cabodano de Ángela Ruíz Robles cunha mesa redonda no Campus de Ferrol
venres, 24 de outubro do 2025
A Biblioteca Ángela Ruíz Robles, situada no Edificio de Apoio ao Estudo do Campus Industrial de Ferrol, acollerá, este martes 28 de outubro, ás 18:30 horas, unha mesa redonda coa que a Universidade da Coruña (UDC) quere conmemorar o 50 aniversario do falecemento da mestra, escritora e inventora galega Ángela Ruíz Robles, coñecida por ser a precursora do libro electrónico. De feito, un prototipo da súa Enciclopedia Mecánica pode observarse, a día de hoxe, na sede coruñesa do Museo Nacional de Ciencia y Tecnología (MUNCYT).
Participarán nesta mesa redonda, a súa neta María Luisa Souto Grandal, a integrante do grupo de Investigación no Ensino das Ciencias e das Matemáticas (IECM) da UDC, María Jesús Fuentes Silveira, e a integrante do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento en Intelixencia Artificial (LIDIA), tamén da UDC, María Noelia Sánchez Maroño. Exercerá como moderadora a subdirectora da Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da institución herculina, María José Abad.
Mural colaborativo na EUDI
Desde outubro de 2020, Ángela Ruíz Robles conta cun mural de seu ao carón da Escola Universitaria de Deseño Industrial (EUDI), situada no Campus Industrial de Ferrol. Esta obra colaborativa foi o resultado do obradoiro Muralismo arredor do 25N – Elas Muralistas que promoveu a Oficina de Igualdade de Xénero (OIX) da UDC en colaboración con 7H Cooperativa Cultural. Un ano antes, en 2019, a biblioteca da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), pasaba a levar o seu nome. Hoxe en día, este espazo está situado no Edificio de Apoio ao Estudo.
O libro electrónico dos anos cincuenta
A profesora e inventora Ángela Ruiz foi a responsable directa do aparello tecnolóxico considerado como “o libro electrónico dos anos cincuenta”, un prototipo que puidemos ver in situ no Museo de Tecnoloxía e Ciencia da Coruña e que malia non ter sido finalmente comercializado no seu tempo (sobre todo por mor dos escasos apoios orzamentarios que acadou a desenvolvedora) mostrou un importante potencial para o ensino interactivo e para ceibar aos nenos de ter que carrexar ás escolas inxentes cantidades de libros (o seu libro electrónico permitía ler diferentes volumes inseridos en carretes).
O dispositivo foi orixinalmente amosado ao mundo en 1949.
Ángela Ruiz naceu o 28 de marzo de hai 121 anos. Malia ter a súa orixe en León, pasou na nosa terra a maior parte da súa vida, máis polo miúdo en Ferrol. Naceu na localidade de Villamanín o 28 de marzo de 1895 e morreu o 27 de outubro de 1975 en Ferrol. Foi nesta cidade onde dona Angelita exerceu como mestra e tamén como desenvolvedora pioneira de material tecnolóxico ao servizo do coñecemento.
