A UDC contará con recursos de Oracle nos seus graos e posgraos

luns, 10 de xullo do 2023 Redacción

Julio Abalde, reitor da Universidade da Coruña, e Albert Triola Espigule, director xeral de Oracle España, asinaron esta mañá un convenio de colaboración para a incorporación de cursos oficiais de Oracle University e Oracle Academy en graos e posgraos. Con este convenio Oracle pon a disposición da Universidade un programa completo con acceso a material formativo que inclúe o acceso a Oracle Academy a toda a comunidade académica da UDC e acceso a Oracle University a través do programa Oracle Student Learning Subscription. O obxectivo é promover o talento na formación das Tecnoloxías da Información e permitir o acceso ao estudantado ao mundo laboral coa certificación destes cursos.
O reitor da UDC sinalou que “Oracle é un gran socio para despregar estas posibilidades de formación que se van poñer en marcha conxuntamente”. “Para a Universidade unha das pezas fundamentais é a formación, tanto a nivel universitario como coa capacitación en competencias dixitais a persoas que non son tecnólogas nin enxeñeiras informáticas, para que a nosa poboación poida ser competitiva á hora de mellorar nos seus postos de traballo e condicións de emprego”, continuou.
Abalde afirmou que estas ferramentas que van poder utilizar alumnado, docentes e demais membros da comunidade universitaria “xogan un papel fundamental na formación dos nosos titulados e tituladas, e que leven a certificación dunha empresa do nivel de Oracle vailles axudar, sen dúbida, a incorporarse á cadea de valor do tecido empresarial”. O reitor lembrou ademais que na Cidade das TIC haberá un centro de formación especial en competencias dixitais, tanto para membros da comunidade universitaria como para a poboación en xeral.
Para o director xeral de Oracle España “Oracle ten un forte compromiso co desenvolvemento do talento tecnolóxico en España. Somos conscientes de que a tecnoloxía de Oracle está axudando ás nosas empresas e ás nosas Administracións a sacar todo o valor dos seus datos e a tomar mellores decisións. Pero quen marca a diferencia neste proceso son as persoas”. “Esta colaboración que hoxe iniciamos coa UDC estou seguro que dará lugar a novas xeracións dos profesionais mellor formados nas ferramentas tecnolóxicas do futuro. E axudará á Coruña no seu obxectivo de converterse nun hub tecnolóxico con visión internacional”, comentou Albert Triola.
Ao acto de firma asistiron tamén representantes de empresas como Inditex, Quistor, Plexus, Altia, Telefónica, Indra, Estrella Galicia, Megasa, Finsa, do hub de Intelixencia Artificial de Dihgigal, do Colexio Xeral de Colexios Profesionais de Enxeñaría Informática; así como o presidente do Clúster TIC, Antonio Rodríguez del Corral; a subdelegada do Goberno, María Rivas; o delegado de Defensa, Antonio Bernal; o director do Igape, Norberto Penedo; a vicerreitora de Planificación Académica e Innovación Docente, Nancy Vázquez; o decano da Facultade de Informática, Mariano Cabrero e o director da Cidade das TIC, Alfonso Martínez, entre outros.
Logo do acto de firma os asistentes trasladáronse á Cidade das TIC, onde o reitor amosou aos representantes da empresa Oracle as instalacións.

PUBLICIDADE