A UDC desenvolve ferramentas de axuda na toma de decisións nos portos da Coruña, Ferrol e Malpica

xoves, 7 de agosto do 2025 S. P.

O Grupo de Enxeñaría da Auga e do Medio Ambiente (GEAMA), o Grupo de Redes Neuronais Artificiais e Sistemas Adaptativos (RNASA-IMEDIR) e o Grupo de Investigación Laboratorio de Enxeñaría do Software (ISLA) están a desenvolver un proxecto innovador nos portos da Coruña, Ferrol e de Malpica, dirixido a permitir infraestruturas máis seguras e mellor xestionadas botando man de novas ferramentas informáticas.
En concreto, a súa proposta, financiada polos Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023, baséase na mellora da seguridade e a eficiencia das operación dos portos galegos mediante a xestión de ferramentas que permitan integrar os riscos operativos e a toma de decisións, combinando técnicas de monitoraxe avanzada e o uso de Intelixencia Artificial (aprendizaxe máquina ou Machine Learning).
Máis polo miúdo, o equipo investigador da UDC traballa en novas metodoloxías para analizar de forma continua factores críticos, como o comportamento dos barcos durante as manobras, o estado dos sistemas de amarre e variables oceánicas e meteorolóxicas como correntes, ondada, vento, néboa ou chuvias. As técnicas avanzadas de IA permitirán procesar toda esta información para poder anticipar posibles problemas e optimizar a toma de decisións.
O traballo está a desenvolverse nos tres portos e no Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC) da Universidade da Coruña. A día de hoxe a súa aplicación máis completa e ambiciosa está a realizarse no Porto Exterior da Coruña. Porén, segundo fixo saber a UDC, os avances están sendo exportados a outras localizacións, como o Porto de Ferrol e o de Malpica, ademais de poder ser replicados noutros portos nacionais e internacionais, convertendo a Galicia nun referente na xestión portuaria.
A investigación, liderada por Enrique Peña González e Juan R. Rabuñal Dopico, conta cun equipo investigador formado por expertos da enxeñaría portuaria e informática, que colaboran coas autoridades dos portos mencionados e xunto a 28 institucións e empresas de todo o mundo. O estudo comezou en setembro de 2024 e espérase que finalice en agosto de 2027.