A UDC e Navantia mostran os avances do seu Centro Mixto de Investigación
xoves, 23 de xaneiro do 2025
O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus Industrial de Ferrol acolleu este xoves 23 de xaneiro unha Xornada Técnica de Traballo do Centro Mixto de Investigación UDC – Navantia (CEMI UDC – Navantia), un evento de difusión no que se analizaron os principais fitos acadados neste último ano e no que tamén se puxo enriba da mesa a posíbel folla de ruta para este 2025, data na que remata esta experiencia, iniciada en 2022 como herdeira da Unidade Mixta de Investigación (UMI).
O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, e o director do estaleiro de Ferrol, Eduardo Dobarro, inauguraron a xornada técnica, na que se presentaron as liñas de investigación do CEMI UDC – Navantia, agrupadas en tres eidos: o Xemelgo Dixital de Produto, o Xemelgo Dixital de Planta e Proceso e Novos Procesos, orientados todos eles a cubrir as necesidades específicas do estaleiro con tecnoloxías de vangarda.
Ao longo da súa intervención, o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, lembrou os obxectivos dun encontro que pretende visibilizar todo o traballo feito e converterse nun espazo no que crear novas sinerxías entre as distintas liñas de investigación, así como planificar o futuro da man de Navantia e en colaboración coa Xunta de Galicia.
Pola súa banda, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, puxo en valor o papel das Unidades Mixtas de Investigación desde a súa posta en marcha, subliñando o apoio prestado a 55 unidades nas que participaron 39 empresas e 14 centros de coñecemento mobilizando un investimento total de preto de 155 millóns de euros.
O director do estaleiro de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, valorou a importancia da innovación para competir internacionalmente e a contribución do CEMI ao ecosistema naval da cidade, punteiro a nivel mundial: “Para Navantia, a colaboración coa Universidade é fundamental, un viveiro de coñecemento e de talento para o estaleiro de Ferrol”, sinalou.