A UDC e Netin Club colaborarán en materia de innovación tecnolóxica

mércores, 21 de xullo do 2021 S. P.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o responsábel Territorial en Galicia de Networking Investor Club, Jesús López Carreira, asinaron un convenio marco de colaboración entre ambas as dúas entidades para executar e desenvolver programas de innovación tecnolóxica.
O acordo, formalizado coa presenza do vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, materializarase en futuros convenios concretos que detallarán a colaboración entre a UDC e Netin Club. Entre outros aspectos, as dúas entidades desenvolverán “actuacións conxuntas de desenvolvemento, innovación e formación en novas tecnoloxías”, sinalaron.
O grupo de inversores Netin Club é unha sociedade que ten por obxecto realizar actividades relacionadas co emprendemento e a creación de empresas, que lles presta especial consideración a proxectos empresariais e tecnolóxicos de utilidade social e que está interesada en colaborar coa Universidade da Coruña para desenvolver programas conxuntos de colaboración.

PUBLICIDADE