A UDC e Vento crean unha cátedra pioneira para impulsar a IA no sector legal e empresarial

xoves, 2 de xullo do 2026 S. P.

A Universidade da Coruña (UDC) e Vento Abogados & Asesores asinaron un convenio de colaboración para a creación da Cátedra UDC–Vento de Intelixencia Artificial para o Sector Legal e Empresarial, unha iniciativa que nace co obxectivo de promover a formación, a investigación e a innovación no ámbito da IA aplicada nos servizos xurídicos, fiscais e empresariais.
O acto de sinatura tivo lugar na Reitoría da Universidade da Coruña e contou coa participación do reitor, Ricardo Cao, e dos directores xerales de Vento Abogados & Asesores, Tomás Dapena Carabel e Santiago Carrera Morodo, así como de responsables da área de investigación e transferencia da UDC e do futuro equipo directivo da cátedra.
Durante a súa intervención, o reitor salientou a importancia desta nova cátedra da UDC, que nace como “un espazo de investigación e transferencia nun eido no clave como é a IA e no que na Universidade da Coruña contamos con excelentes profesionais. Con esta colaboración, afondaremos na IA aplicada ao ámbito legal de xeito que, entre outras cuestión, se poidan incorporar metodoloxias innovadoras que melloren os procesos”.
Pola súa banda, desde Vento Abogados & Asesores destacaron que para eles “é unha satisfacción a creación desta cátedra, que permitirá materializar a integración real da intelixencia artificial nos procesos xurídicos e de asesoramento empresarial con capacidade operativa. Asociarnos coa UDC permítenos acceder ao coñecemento técnico e ao talento investigador necesarios para desenvolver solucións baseadas en IA que respondan a necesidades concretas do sector".
Uns e outros engadiron que a creación desta nova cátedra “supón un paso significativo na colaboración entre Universidade e empresa, para afrontar un dos maiores retos do noso tempo: a incorporación da intelixencia artificial aos procesos profesionais e organizativos de forma eficiente, consciente e orientada a xerar valor para a sociedade”.
O convenio asinado terá unha duración inicial de tres anos, con posibilidade de renovación por acordo entre as partes, e a dirección recaerá en Alberto J. Alvarellos González, profesor do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información da Universidade da Coruña.
En concreto, a iniciativa ten como obxectivo impulsar a capacitación de estudantes, profesionais e organizacións no uso de tecnoloxías IA, promovendo ao mesmo tempo a investigación aplicada e o desenvolvemento de solucións innovadoras que contribúan á transformación dixital dos servizos xurídicos, tributarios e empresariais.
Outro dos obxectivos estratéxicos será favorecer a incorporación de talento cualificado ao ecosistema empresarial galego, achegando ao alumnado aos desafíos reais que afrontan as organizacións en materia de innovación e transformación dixital.
A Cátedra prestará especial atención ao desenvolvemento de liñas de investigación conxuntas relacionadas coa aplicación da intelixencia artificial no ámbito xurídico, tributario e empresarial. Investigacións que estarán orientadas a identificar novas oportunidades de mellora da eficiencia, a competitividade e a calidade dos servizos profesionais mediante o uso de tecnoloxías avanzadas.
Alén das actividades docentes e investigadoras, impulsaranse accións de divulgación dirixidas a achegar o coñecemento sobre intelixencia artificial á sociedade, promovendo o debate sobre os retos, oportunidades e implicacións que esta tecnoloxía expón en sectores estratéxicos para a economía e as organizacións.