A UDC e a Deputación da Coruña formarán expertos en protección de datos

venres, 14 de xuño do 2019 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña, en colaboración coa Deputación, organiza o Curso de Posgrao sobre especialización en cumprimento legal e privacidade. A iniciativa, que ten o obxectivo de formar expertas e expertos en protección datos (unha materia de “especial relevancia nas organizacións actuais”), foi dada a coñecer hoxe polo reitor Julio Abalde e o deputado de Contratación Xesús Soto Viveiro. Segundo fixeron saber na sinatura do acordo, a Deputación comprométese a financiar dez matrículas para o curso.
Tal e como explicaron, a iniciativa tamén se dirixe a contribuír á capacitación de especialistas en todo o referido a identificación, regulación e tratamento dos datos. O curso forma parte do programa da Deputación para contribuír á formación e especialización do persoal das administracións locais, en especial, en materias que están suxeitas a modificacións e son de especial interese para a relación das institucións coas persoas. Isto, afirmou o Xesús Soto, forma parte do compromiso da Deputación por “unha administración áxil, moderna, segura e adaptada á sociedade na que vivimos”.
O curso está organizado pola Facultade de Dereito da Universidade da Coruña e a Deputación financia dez matrículas a persoas do cadro de persoal de concellos e Deputación de cara a outorgar o título de especialista para o que se destina un orzamento de 15.800 euros. Entre outras materias, inclúe o tratamento de normativa de protección de datos e réxime sancionador, branqueo de capitais anticorrupción, delitos relativos á propiedade industrial, intelectual ao mercado e ás persoas consumidora, dereito á salvagarda da información persoal e obrigas de responsábeis do tratamento.

PUBLICIDADE