A UDC, e a USC e a UVigo amplían a súa oferta cun mestrado en vehículos autónomos único en España
luns, 22 de xuño do 2026

- O profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Félix Orjales, coordina este título interuniversitario na Universidade da Coruña (UDC).
As universidades galegas (UDC, UVigo e USC) ofrecen a partir de setembro o Máster Universitario en Vehículos Autónomos (MUVA), unha titulación interuniversitaria pioneira no noroeste peninsular pensada para formar a profesionais do eido da enxeñaría que sexan quen de deseñar, percibir e controlar sistemas autónomos en calquera medio.
Detrás deste título, que as institucións académicas cualifican de “único en España”, están como dixemos as tres universidades públicas galegas: a Universidade de Vigo (UVigo), quen exerce como coordinadora, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade da Coruña (UDC).
Pola UDC implicaranse a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e pola UVigo a Escola de Enxeñaría de Aeronáutica e do Espazo, situada no Campus Auga de Ourense. Polo que atinxe á USC, o mestrado será impartido na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, no Campus Terra de Lugo. Ao longo dos dous primeiros cuadrimestres, o alumnado recibirá formación común vinculada ao eido da robótica. O programa inclúe materias relacionadas coa percepción e fusión sensorial, coa visión artificial, co mapeado e a localización, coas comunicacións, cos sistemas embebidos ou mesmo coa robótica móbil.
O terceiro cuadrimestre será o da especialización, orientando así ao seu estudantado cara o sector da automoción, da aeronáutica ou do naval. Deste xeito, a Universidade de Vigo (UVigo) formará a seu alumnado no eido dos vehículos terrestres abordando temas como o modelado e simulación de vehículos terrestres, o control de vehículos terrestres ou a enxeñaría de vehículos terrestres. Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) especializarase no campo dos vehículos aéreos ofrecendo formación específica en robótica aérea, na dinámica de voo, no guiado, navegación e control e mesmo nos denominados sistemas de observación. Para rematar, a Universidade da Coruña (UDC) centrarase no eido dos vehículos mariños con materias vinculadas á enxeñaría de vehículos mariños, ao control de vehículos mariños, á sensorización e comunicación submarina e ás estratexias para as operacións mariñas.
Esta nova titulación contará con 24 prazas distribuídas de xeito equilibrado entre as tres universidades participantes. Así, a EPEF disporá de 8 prazas, a mesma cifra que a Escola de Enxeñaría de Aeronáutica e do Espazo (Ourense) e a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (Lugo). A formación combinará docencia presencial e en liña e está dirixida principalmente a persoas graduadas en Enxeñaría Informática, Enxeñaría Industrial, Telecomunicacións, Enxeñaría Naval e Oceánica, así como noutras ramas de enxeñaría afíns.
O prazo de inscrición nos mestrados universitarios da Universidade da Coruña (UDC) para o curso 2026/27 permanecerá aberto ata o vindeiro 13 de xullo. A listaxe provisional de persoas admitidas publicarase o 24 de xullo abríndose un período de reclamacións que se prolongará ata o día 26. As listaxes definitivas daranse a coñecer o 30 de xullo polo que a matrícula poderá realizarse entre o 31 de xullo e o 4 de agosto.
