A UDC e a UVigo amplían a súa oferta cun mestrado en Realidade Estendida único no sistema público
xoves, 4 de setembro do 2025

- O profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Alberto Luaces
A Universidade da Coruña (UDC) e a Universidade de Vigo (UVigo) impulsan un título que oferta, a partires deste mes de setembro, un total de 10 prazas na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), e outras tantas na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, situada na cidade olívica. Trátase do mestrado en Realidade Estendida, único no Sistema Universitario Público Español.
Contexto
A Realidade Estendida (XR) aglutina tres tecnoloxías máis ou menos ben coñecidas, a día de hoxe, polo conxunto da sociedade: a Realidade Aumentada (AR), a Realidade Virtual (VR) e Realidade Mixta (RM). Todas estas tecnoloxías permiten crear contornas onde o físico e o dixital se mesturan, ofrecéndolle as persoas usuarias experiencias inmersivas únicas. Para formar aos e ás profesionais do futuro, a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) acolle, a partires deste mes de setembro, o máster en Realidade Estendida (masterXR), impulsado pola Universidade da Coruña (UDC) xunto coa Universidade de Vigo (UVigo).
Tal e como explica o coordinador deste título único no Sistema Universitario Público Español, o profesor da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), Alberto Luaces, o mestrado achegará ao alumnado ao mundo da Realidade Estendida (XR) a través das ferramentas de software, tales como plataformas ou motores gráficos, e da tecnoloxía de hardware empregada, principalmente lentes de Realidade Virtual, móbiles ou sensores, para desenvolver contornas virtuais, simulacións e visualizacións de datos, buscando o seu complemento coas novas tendencias en Intelixencia Artificial (IA).
A través desta formación, a Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) e Telecomunicacións da UVigo capacitarán ao alumnado no deseño, na configuración, na integración e na adaptación dos sistemas de Realidade Estendida (XR) en sectores tan variados como poden ser o da fabricación, o da loxística, o da saúde, o do entretemento, o da educación, o da publicidade, o do turismo ou mesmo o do benestar social.
No Campus Industrial de Ferrol, pertencente á Universidade da Coruña (UDC), ofértanse un total de 10 prazas, en modalidade presencial. As outras 10 restantes están vinculadas á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo (UVigo).
Esta formación interuniversitaria está dirixida a alumnado con formación previa no eido das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC). Desde a coordinación do título agardan que estes mozos e mozas teñan, entre outras, habilidades no eido da programación, no do deseño de algoritmos, así como coñecementos de electrónica.
