A UDC e o CESGA reforzan a súa colaboración en investigación e supercomputación

mércores, 15 de abril do 2026 S. P.

A Universidade da Coruña (UDC) e a Fundación Pública Galega Centro Tecnolóxico de Supercomputación de Galicia (CESGA) veñen de asinar un convenio de colaboración científica que permitirá intensificar a cooperación en investigación, innovación, formación avanzada e transferencia de coñecemento en ámbitos estratéxicos como a computación de altas prestacións e a computación cuántica.
O acordo, subscrito polo reitor da UDC, Ricardo Cao Abad, e a presidenta do CESGA e directora da axencia autonómica GAIN, Carmen Cotelo Queijo, establece un marco de colaboración para os vindeiros catro anos, orientado ao desenvolvemento conxunto de actividades académicas, científicas e tecnolóxicas.
A alianza desenvolverase de maneira directa entre o persoal e os centros de investigación da UDC e o persoal do CESGA, facilitando o acceso a infraestruturas avanzadas de computación e promovendo a cooperación en proxectos de I+D+i, a organización de actividades de formación especializada e divulgación científica, así como a mobilidade do persoal investigador.
Este convenio abre novas oportunidades para o desenvolvemento conxunto de teses de doutoramento, contribuíndo á formación de novo talento investigador”, sinalaron, engadindo que “tamén permitirá reforzar a participación coordinada da UDC e do CESGA en proxectos competitivos de ámbito europeo, estatal e autonómico, favorecendo o acceso a contornas de investigación de alto nivel”.
Así mesmo, a través desta colaboración afondarase nas liñas de traballo tanto do ámbito da supercomputación clásica como da computación cuántica, unha área emerxente con grande potencial de transformación en sectores como a saúde, a enerxía, a industria avanzada ou a ciberseguridade.
Neste contexto, destacan as capacidades do CITIC da UDC, que xa desenvolve proxectos vinculados a algoritmos cuánticos, quantum machine learning e á ciberseguridade de infraestruturas críticas.
Con este convenio, a Universidade da Coruña reforza o seu compromiso coa investigación de excelencia, a colaboración institucional e a transferencia de coñecemento, consolidando alianzas estratéxicas con infraestruturas científicas singulares como o CESGA.