A UDC e o ITG crean a Cátedra en Tecnoloxía Cuántica

xoves, 16 de abril do 2026 S. P.

A Universidade da Coruña (UDC) e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) deron un paso relevante no ámbito científico e tecnolóxico da nosa Comunidade coa sinatura dun convenio que dá orixe á Cátedra ITG-UDC en Tecnoloxía Cuántica.
A nova cátedra está adscrita ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC) da UDC, e será dirixida polo director do centro, Manuel F. González Penedo. A iniciativa nace co propósito de establecer “un marco sólido de colaboración entre a universidade e o ITG”, orientado á xeración de coñecemento especializado nun eido que está a redefinir as fronteiras do procesamento da información.
No acto de sinatura celebrado este mércores 15 de abril participaron, pola banda da UDC, o reitor Ricardo Cao Abad, o vicerreitor de Investigación e Transferencia Jerónimo Puertas Agudo, a secretaria xeral Marta García Pérez, o director do CITIC Manuel F. González Penedo, e o responsable de Transferencia e Innovación do centro TIC, Javier Garrido Barral. Polo ITG, estivo presente o seu director xeral, Carlos Calvo Orosa.
Manuel F. González Penedo subliñou o valor estratéxico da iniciativa: "A creación desta cátedra supón un paso estratéxico para consolidar un ecosistema de colaboración estable entre investigación e empresa nun ámbito tan innovador como a tecnoloxía cuántica. Desde o CITIC queremos situarnos na vangarda da xeración de coñecemento en computación cuántica, promovendo proxectos de alto impacto e formando profesionais preparados para os retos tecnolóxicos do futuro".
O reitor da UDC, Ricardo Cao Abad, salientou que a cátedra "exemplifica o compromiso da UDC coa investigación de excelencia e coa transferencia de coñecemento cara á sociedade e o tecido produtivo".
Pola súa banda, Carlos Calvo, sinalou que “a creación desta cátedra contribúe a achegar o ámbito investigador e o empresarial, acelerando a aplicación real da computación cuántica”.
Tres eixes de actuación: formación, investigación e divulgación
O plan de actuación da cátedra artéllase en torno a tres liñas fundamentais. No plano formativo, promoveranse prácticas académicas, traballos fin de grao e de mestrado, e teses de doutoramento industriais, co fin de fomentar o talento especializado e facilitar a inserción laboral do alumnado no sector tecnolóxico.
No ámbito da investigación, impulsaranse proxectos conxuntos de alto impacto en I+D+i entre persoal investigador da UDC, con especial protagonismo do CITIC, e o ITG, apostando tamén pola produción científica colaborativa conforme aos estándares internacionais de excelencia. A dotación anual da cátedra será xestionada pola Fundación CITIC, que participou activamente, a través da súa área de Transferencia, na posta en marcha deste acordo.
En terceiro lugar, a cátedra desenvolverá actividades de divulgación e difusión do coñecemento cuántico, creando espazos de encontro entre a comunidade científica, o tecido empresarial e a cidadanía en xeral. Esta dimensión outórgalle á iniciativa un carácter integrador, que vai máis aló do laboratorio e da aula para conectar coa realidade social e produtiva do país.
A computación cuántica, na fronteira do coñecemento
A tecnoloxía cuántica constitúe hoxe un dos ámbitos máis disruptivos dentro das chamadas tecnoloxías deep-tech. A diferenza dos sistemas clásicos, a computación cuántica ofrece capacidades radicalmente novas para o procesamento da información e a resolución de problemas complexos, con aplicacións potenciais en sectores que van desde a farmacoloxía e a ciberseguridade ata a optimización loxística ou a intelixencia artificial.
Neste contexto, a Cátedra ITG-UDC configúrase como un espazo privilexiado para explorar estas tecnoloxías emerxentes e conectar Galicia coas tendencias científicas máis avanzadas a nivel mundial. A colaboración entre o CITIC e o ITG ofrece garantías de que a iniciativa terá un impacto real tanto no eido académico como no empresarial.
Con esta nova cátedra, a UDC e o ITG non só reforzan a súa alianza estratéxica, senón que posicionan a Galicia como “un territorio activo na carreira global polo liderado en computación cuántica”.