A UDC estrea mestrados en tecnoloxía téxtil, biofabricación e IoT

venres, 28 de xuño do 2024 S. P.

A Universidade da Coruña oferta para o próximo curso académico (24/25) un total de 1.668 prazas en 65 mestrados (másteres) universitarios públicos. As novidades veñen da man de dous mestrados interuniversitarios entre as tres universidades do SUG. Trátase do Máster en Biofabricación (7 prazas) e Internet das Cousas-IoT (10 prazas), aos que se suma o título en Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible, propio da UDC, que se impartirá no Campus Industrial de Ferrol e contará con 25 prazas.
Por áreas, a oferta en Artes e Humanidades está composta por 6 títulos: Estudos Ingleses Avanzados e as súas Aplicacións; Lingüística Aplicada; Literatura, Cultura e Diversidade; Patrimonio Cultural Dixital; Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade e Estudos Avanzados en Museos, Arquivos e Bibliotecas.
No eido de Ciencias ofértanse 10 mestrados: Acuicultura; Biodiversidade Terrestre: caracterización, conservación e xestión; Bioloxía Mariña; Bioloxía Molecular, Celular e Xenética; Biotecnoloxía Avanzada; Ciencia e Tecnoloxías de Información Cuántica; Ciencias, Tecnoloxías e Xestión Ambiental; Investigación Química e Química Industrial; Técnicas Estatísticas; e Materiais Complexos: Análise Térmica e Reoloxía.
Na área de Saúde, este ano ofértase por primeira vez o de Biofabricación, de carácter interuniversitario, que no caso da Coruña contará con 7 prazas e impartirase na Facultade de Fisioterapia. Completan a oferta o de Asistencia e Investigación Sanitaria; Discapacidade e Dependencia; Neurociencia e Xerontoloxía. Suman así, neste eido do coñecemento, un total de 5 mestrados.
En Ciencias Sociais e Xurídicas, a oferta suma 18 títulos: Avogacía e Procuradoría (habilitante); Banca e Finanzas; Contabilidade Superior e Auditoría de Contas; Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial; Dirección e Administración de Empresas; Economía; Estudos Avanzados sobre a Linguaxe, a Comunicación e as súas Patoloxías; Investigación e Innovación en Didácticas Específicas para Educación Infantil e Primaria; Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde; Métodos Avanzados de Investigación e Innovación na Análise Social; Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos; Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria; Produción Xornalística e Audiovisual; Psicoloxía Aplicada; Psicopedagoxía; Prevención de Riscos Laborais e Riscos Comúns; Xestión e Dirección Laboral e o Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas, nas súas dez especialidades.
Por último, Enxeñería e Arquitectura, contan coa maior oferta, cun total de 26 títulos: Arquitectura (habilitante); Bioinformática para Ciencias da saúde; Ciberseguridade; Computación de Altas Prestacións; Desafíos das Cidades; Dirección Integrada de Proxectos; Edificación Sustentable; Xestión Sustentable da Auga; Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos (habilitante); Enxeñaría Informática; Enxeñaría Mariña; Intelixencia Artificial; Internet das Cousas (interuniversitario de nova implantación); Matemática Industrial; Náutica e Transporte Marítimo; Rehabilitación Arquitectónica; Visión por Computador; Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos; Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade; Fabricación Aditiva; Informática Industrial e Robótica; Enxeñaría en Deseño Industrial; Enxeñaría Industrial (habilitante); Enxeñaría Naval e Oceánica (habilitante); Erasmus Mundus en Sustentabilidade e Industria 4.0 Aplicada ao Sector Marítimo; Tecnoloxía Téxtil e Moda Sostible (de nova implantación).
O alumnado ten de prazo ata o próximo 10 de xullo para solicitar praza nalgún dos mestrados da UDC. Tras o proceso de admisión, abrirase o procedemento de matrícula, que será do 30 de xullo ao 21 de agosto. Toda a información de prazos e trámites precisos pódese atopar na web da UDC.

PUBLICIDADE