A UDC fai un chamamento a visualizar o talento galego na Mobile Week Coruña

mércores, 17 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A cidade da Coruña vai seguir este mes de novembro, entre os días 21 e 28 e logo dos múltiples eventos TIC que salpicaron setembro e outubro (o X.Org Developer’s, a feira OSHWDem, o Congreso XoveTIC ou o congreso Big Data Coruña organizado polo CITIC), no punto de mira de desenvolvedores, profesionais, empresarios e usuarios de todo o mundo. O motivo? A celebración, agora, da primeira convocatoria da Mobile Week Coruña, organizada pola Fundación Mobile World Capital Barcelona (involucrada na organización do Mobile World Congress). Hoxe a Universidade da Coruña achegou máis detalles sobre este sobranceiro evento, dirixido a fornecer coñecemento diverso e de utilidade sobre a transformación dixital na que estamos mergullados.
Segundo se lembrou a programación inclúe distintos actos de carácter transversal, de balde e para todos os públicos, e que se desenvolverán en máis de 20 espazos distintos entre o termo municipal, a Área Metropolitana e a propia Compostela, na Cidade da Cultura. Haberá relatorios, mesas redondas, demostracións, exposicións de arte, obradoiros e xornadas infantís, entre outras accións.
No acto de hoxe tamén se destacou que a iniciativa divide o seu programa en catro eixos de actividade: mWeek TALKS (un ágora de debate para reflexionar sobre como a revolución dixital inflúe na vida das persoas), mWeek LAB (demostracións e talleres de cultura, tecnoloxía, robótica e ciencia), mWeek KIDS (actividades para toda a familia) e, por último, mWeek GALLERY (un programa cultural paralelo organizado en colaboración con entidades do territorio que derivará en visitas guiadas e exposicións artísticas).
A presentación contou coa presenza do reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde; o presidente do Club Financiero Atlántico, Mariano Gómez-Ulla; a coordinadora de actividades da Mobile Week Coruña, María José Rodríguez Malmierca; o director da Mobile World Capital Barcelona, Esteban Redolfi; e o vicepresidente executivo da Mobile Week Coruña, Manuel Gens.
Abalde, na súa intervención, salientou a importancia do evento para a cidade galega: “Cremos que é importante para A Coruña, para Galicia e para o Eixo Atlántico que haxa un acontecemento deste tipo que nos poña no mapa e permita presentar todo o potencial tecnolóxico do que xa dispomos e un tecido industrial e económico que temos que impulsar”, sinalou.

PUBLICIDADE