A UDC impulsa Emprega-T, que inclúe formación tecnolóxica e visitas a centros TIC
xoves, 26 de febreiro do 2026
Co obxectivo de reforzar a inserción laboral, a Universidade da Coruña vén de poñer en marcha Emprega-T, un programa que ofrece diferentes ferramentas para reducir a distancia entre a formación académica e as esixencias do mercado laboral actual.
O programa nace coa finalidade concreta de “conectar formación e emprego real, proporcionando ferramentas, acompañamento e contacto directo co tecido empresarial e co ecosistema emprendedor da contorna”.
Está dirixido tanto ao estudantado da UDC como ás persoas recentemente tituladas que desexen mellorar o seu perfil profesional e ampliar as súas oportunidades de inserción.
A vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade, María José Lombardía, incidiu na importancia do éxito desta iniciativa entre o alumnado e as persoas egresadas, “o que fai que desde a UDC se siga traballando na consolidación dun programa que ofreza recursos para dar o salto ao mundo laboral e o cal se siga fortalecendo e renovando cada ano”.
Estrutúrase en tres módulos —Empregabilidade, Emprendemento e Competencias Transversais— que combinan obradoiros prácticos, orientación personalizada e actividades complementarias.
A participación permite o recoñecemento dun crédito ECTS por un mínimo de 20 horas de asistencia.
A benvida institucional terá lugar o próximo 4 de marzo na Casa do Estudantado, coa intervención de María José Lombardía Cortiña, vicerreitora de Estudantes e Empregabilidade da UDC. Será o punto de partida dunha programación que se desenvolverá entre marzo e abril en diferentes sesións e espazos dos campus de A Coruña e de Ferrol.
As prazas son limitadas nos obradoiros e visitas (con asignación por rigorosa orde de inscrición), mentres que outras actividades formativas complementarias estarán dispoñibles a partir de mediados de marzo. Unha inscrición que se pode realizar a través da web de Emprega-T.
Entre as accións previstas inclúense actividades orientadas á mellora e optimización do currículo e o desenvolvemento da marca profesional, a preparación de entrevistas de traballo, o uso de ferramentas dixitais e IA para a busca de emprego, a formación en emprendemento ou o desenvolvemento de competencias transversais, tales como a comunicación, o liderado, o traballo en equipo ou a resiliencia.
Ademais, o programa inclúe visitas a espazos e entidades de referencia para o emprego e o emprendemento como Grupo Intaf, o Centro de Servizos Avanzados ou Coruña Estudo Inmersivo (ambos na Cidade das TIC), o Centro Monucupal de Empresas do Concello da Coruña (que inclúe Accede Papagaio e o Igrexario da Grela), o Polo de Emprendemento e Acceso ao Emprego de Ferrol, ou Oracle Spain.
Esta iniciativa conta co patrocinio da Xunta de Galicia, e a colaboración de Altia, a Asociación de Emprendedores de Galicia (ASCEGA), o Concello da Coruña, a Deputación da Coruña, o Grupo Intaf, Nunsys Group – Inycom, Oracle Spain, a Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego e WekCo.
