A UDC impulsa as vocacións STEM con máis de medio cento de iniciativas

luns, 20 de maio do 2019 Redacción

A Universidade da Coruña está a ofrecer máis de 50 iniciativas de fomento das vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado de bacharelato da nosa terra (alumnado do STEMbach). Este impulso ás áreas chamadas STEM (Ciencias, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas, polas súas siglas en inglés) materialízase a través de once facultades e escolas diferentes dos campus de Coruña e Ferrol. As propostas, permiten ás alumnas e alumnos desenvolver o seu proxecto de investigación na UDC sobre temas do máis diverso e atraente. Por exemplo: afondar no comportamento mecánico do aceiro a baixas temperaturas, mellorar a mobilidade viaria da cidade ou facer unha tarefa real cun robot autónomo que requira Intelixencia Artificial.
Tamén hai proxectos sobre radioactividade ambiental, a evolución da paisaxe e do clima, o estudo do cariotipo humano ou a análise da seguridade informática da rede de datos dun centro de secundaria, entre outros. Ademais, o profesorado da Universidade da Coruña está a disposición dos centros educativos para colaborar na dirección doutros proxectos de investigación que sexan propostos. Amais disto, a UDC pon en xogo outros recursos para fortalecer esta vertente formativa, como visitas ás facultades e centros de investigación, xornadas, obradoiros, así como seminarios, relacionados coas materias STEM. De feito, neste curso recibiuse a visita dos centros IES Agra do Orzán, IES María Casares, IES Ramón Mª Aller Uloa, IES Francisco Daviña Rey e IES Arcebispo Xelmírez II.
Para facilitar a coordinación cos quince centros galegos que imparten o STEMbach, en marzo a Universidade da Coruña lanzou unha páxina web, www.udc.gal/stembach, adicada a este novo Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía. Nela, ademais de información de interese, os titores e alumnos dos centros educativos poden consultar os proxectos de investigación e as actividades complementarias de formación ofertados.

PUBLICIDADE