A UDC intégrase nunha rede internacional de traballo conxunto coa industria da automatización

luns, 24 de xullo do 2023 S. P.

O reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinou un convenio de colaboración con Adriano Mones, director de Desenvolvemento de Negocio de Phoenix Contact E-Mobility e embaixador de EduNet en España, ademais de presidente de AEDIVE, a patronal do sector da mobilidade eléctrica.
O obxectivo do convenio é incorporar á UDC á rede EduNET para promover o desenvolvemento de proxectos vinculados á automatización industrial e á mobilidade eléctrica. Ademais, a firma alemá Phoenix Contact, promotora da rede, doou material e equipos para un laboratorio especializado na EPEF (Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol).
Segundo explicou a UDC, a colaboración permitirá potenciar os estudos de Enxeñaría Industrial da UDC, así como o Campus Industrial de Ferrol. Ademais, coa sinatura do convenio a Universidade da Coruña convértese na cuarta universidade española que pasa a formar parte desta rede internacional de universidades, composta por 140 universidades dos cinco continentes.
Este acordo, engadiron Abalde e Mones, “fomentará a transferencia de coñecemento e a colaboración entre a institución académica e o contorno empresarial, promovendo novas formas de convivencia e progreso tecnolóxico”.
Coa rede internacional de ensino superior EduNet, Phoenix Contact fomenta a interacción e a cooperación entre as institucións de ensino superior e a industria nos eidos da automatización e da electromobilidade. A través da rede intégranse nos estudos coñecementos sobre aplicacións e fabricantes da tecnoloxía de conexión industrial e control electrónico en sectores tan destacados como é a electrificación do transporte e as infraestruturas de recarga para o vehículo eléctrico.

PUBLICIDADE