A UDC lanza portal para que a comunidade participe e decida na vida dos campus

venres, 20 de outubro do 2017 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña presentou hoxe un novo recurso dixital destinado a “facer” comunidade e a estimular nos campus o traballo conxunto con estudantes, profesorado, investigadores e demais integrantes do “colectivo UDC”. Trátase do seu novo Portal de Participación, destinado a posibilitar que “calquera usuario da comunidade universitaria poida debater sobre os temas que lle preocupan, propoñer ideas de mellora da UDC e decidir, co seu voto, as que se leven a cabo”. O portal foi dado a coñecer en rolda de prensa polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, a vicerreitora de Estudantes e Participación, Margarita Amor, e o Adxunto de Participación, José Rodrigo Sanjurjo. Segundo fixeron saber, con este recurso dixital a Universidade da Coruña subirá novos e significativos chanzos en materia de comunicación. En boa medida, segue e amplía o ronsel das iniciativas de orzamentos participativos postas en marcha en concellos como o da Coruña ou Santiago.
O seu funcionamento, en liñas básicas, será o seguinte: os usuarios dos campus terán grazas ao portal a posibilidade de crear e apoiar novas propostas que en caso de acadar unha cantidade de votos elevada serán estudadas por un grupo de traballo para decidir despois se se leva a cabo. A plataforma, que está en probas, ficará aberta para toda a cidadanía, aínda que só poderán presentar e apoiar propostas os membros da comunidade universitaria.
Haberá dúas modalidades de visita: poderá accederse a udcdecide.udc.gal como usuario anónimo, só para ver os debates e as propostas, ou como usuario rexistrado como membro da UDC, para crear, votar e comentar propostas. Os mecanismos de participación inclúen debates, propostas e comentarios. Segundo se fixo saber, “calquera membro rexistrado pode comezar un debate sobre calquera tema relacionado coa universidade que se publicará no portal; debates en base aos que logo poderase votar, compartir, comentar ou marcar como inapropiado”. As propostas poderá facelas calquera usuario rexistrado da comunidade universitaria; deste xeito, será só a propia Universidade a que decida as propostas que lle interesa como comunidade.
Na rolda cos medios tamén se informou de que esta plataforma de participación responde a un dos retos propostos polo actual reitor na súa campaña electoral, na que se comprometeu “a garantir a participación activa da comunidade universitaria, de xeito que toda a comunidade universitaria poida ser partícipe na toma de decisións e no debate como mellora da xestión da universidade”. O reitor manifestou a súa firme decisión de contar coa participación das/os estudantes “no momento da toma de decisións estratéxicas e nas de carácter máis cotián que teñan que ver coa docencia e a calidade de vida universitaria”. O Portal de Participación, engadiuse, está feito con software libre.

PUBLICIDADE