A UDC lévanos no seu novo curso en liña aos retos Big Data da Coruña do futuro

venres, 31 de maio do 2019 Fernando Sarasketa

A formación avanzada (no fondo e na feitura) expándese pola banda da Coruña. Así o vén de confirmar a Universidade, que vén de lanzar o seu terceiro curso MOOC (polas súas siglas en inglés Massive Open Online Course) na plataforma MiríadaX. O curso, en liña e aberto, trata sobre a información a gran escala e as posibilidades que abren as novas ferramentas de análise de datos inxentes para favorecer noxos xeitos sustentábeis de producir, vivir e xestionar. A actividade formativa Sustentabilidade na era do Big Data, comezará o 17 de xuño e ten como obxectivo “concienciar sobre a necesidade urxente dun desenvolvemento máis sustentable apoiándose nas achegas do Big Data”.
Para iso, o novo MOOC baséase en tres alicerces fundamentais: a sustentabilidade ambiental, a social e a económica. O módulo 1 céntrase na cuestión ambiental, analizando que son os servizos ecosistémicos, a súa valoración económica e a utilidade do Big Data neste ámbito. O módulo 2 adícase á área social, distinguindo os distintos modos nos que o Big Data se pode utilizar para que as políticas de desenvolvemento social sexan máis eficientes e sustentábeis. O módulo 3 céntrase no ámbito económico, tratando o desenvolvemento e a desigualdade económica, e os modelos de produción e consumo.
Segundo informa a UDC, o curso en cuestión vén “cun importante valor engadido” e un “punto de orixinalidade”, e é que “fai ao estudante protagonista dun universo de ficción trasladándoo ao ano 2050 para facerlle sentir en carne propia as consecuencias da acción humana sobre o planeta se non se toman medidas urxentes”. Máis polo miúdo, o MOOC traslada ao participante a Nova Crunia, versión futurista da Coruña, onde se impón unha sociedade clasista que se divide en Bardanos e Estraños: os primeiros levan unha vida cómoda e chea de privilexios baixo unha cúpula de cristal que consegue filtrar o aire contaminado, e os segundos non poden acceder á cidade de cristal e viven dos restos que esta xera. O alumnado terá a oportunidade de unirse a un dos tres clans que constitúen o grupo dos Estraños (Océano, Bosque e Gruta), cada un deles liderado por un heroe ou heroína cuxo obxectivo é acabar coa sociedade desigualitaria.
Esta contribución formativa desenvolverase a través da conta de Twitter do MOOC (@sasemooc), onde o equipo docente (constituído por Estefanía Mourelle, Iván López, María Alló, Carmen Gago e Ángeles Longarela da Facultade de Economía e Empresa da UDC) irá lanzando un reto cada semana co que o alumnado poderá contribuír á sustentabilidade do planeta e axudar así aos heroes de cada clan.
O equipo técnico do curso, que ten vídeo de seu no YouTube, está formado por Ana Peña Cabanas (CUFIE), Laura Pazienza, Sabela Brand, Beatriz Iglesias, Carlos Aguado, Teresa Piñeiro e Rocío Mihura da Facultade de CC. da Comunicación da UDC.

PUBLICIDADE