A UDC lidera un estudo sobre violencias dixitais contra mulleres en política

xoves, 23 de novembro do 2023 S. P.

A Universidade da Coruña compartiu detalles dun estudo sobre violencias dixitais contra as mulleres no eido da política. Trátase do proxecto AGITATE. Asimetrías de xénero na política dixital, liderado pola UDC e financiado polo Instituto de las Mujeres, conta cun equipo interdisciplinar con persoal investigador da Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Valladolid, a Universidade Rey Juan Carlos e a Universidade de Vigo.
O polo da UDC está conformado polas profesoras Teresa Piñeiro Otero, que é a responsable do proxecto, e Ana González Neira, da Facultade de Ciencias da Comunicación; Laura Castro Souto, Beatriz Pérez Sánchez, Laura Morán Fernández e Verónica Bolón Canedo, da Facultade de Informática; o experto en xénero e docente no Máster Universitario en Políticas Sociais e Intervención Comunitaria, Adrián Gonçalves Barbosa; e as investigadoras Lucía Álvarez Crespo e María Eugenia Ambort.
O proxecto está enfocado nas asimetrías de xénero dentro da comunicación política dixital, e ten como obxectivos “analizar como se comunica e se representa ás mulleres políticas no ámbito dixital e afondar nas prácticas comunicativas en política, examinando as diferenzas de xénero, poñendo especial atención na violencia dixital e tentando de entender as experiencias e respostas das mulleres na política fronte a estes retos”.

PUBLICIDADE