A UDC lidera un proxecto nacional sobre o impacto da IA no sector asegurador

xoves, 10 de xullo do 2025 S. P.

A Universidade da Coruña lidera un proxecto nacional sobre o impacto da Intelixencia Artificial no sector asegurador. Trátase da investigación Intelixencia Artificial na comercialización de seguros: desafíos de transparencia, gobernanza e supervisión, dirixida polos profesores da UDC Rafael Outeiro Garea, catedrático de Dereito Civil e Mª do Rocío Quintáns Eiras, catedrática de Dereito Mercantil. Esta iniciativa está financiada no marco da convocatoria de Proxectos de Xeración de Coñecemento 2023, o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.
Cunha duración de tres anos, esta iniciativa reúne a un equipo interdisciplinar de 15 investigadores/as procedentes de distintas universidades españolas e de ámbitos como o Dereito (civil, mercantil, constitucional, internacional privado, administrativo), a Informática, a Economía, a Socioloxía ou a Comunicación. Asociada ao proxecto, concedeuse unha axuda para a formación de persoal investigador predoutoral no marco do Programa Estatal para Impulsar a Investigación Científico-Técnica e a súa Transferencia, do Plan Estatal de Investigación Científica, Técnica e de Innovación 2021-2023.
O obxectivo central desta investigación é “analizar o profundo impacto que a Intelixencia Artificial (IA) está a ter no mercado asegurador, identificando tanto as súas oportunidades como os retos xurídicos, éticos e sociais que expón”.
O estudo abordará cuestións clave como a protección das persoas consumidoras, a transparencia informativa na contratación, ou a necesidade de adaptar os actuais modelos de gobernanza e supervisión do sector. Prestarase especial atención aos colectivos en situación de vulnerabilidade —persoas maiores, con discapacidade ou en risco de exclusión— fronte ao uso de tecnoloxías baseadas en IA aplicadas á oferta, a subscrición e a xestión de seguros.
Así mesmo, analizarase como a IA está a dar lugar a novos modelos de comercialización de seguros e afondarase nos desafíos derivados da externalización de servizos tecnolóxicos por parte de entidades aseguradoras, nun contexto altamente regulado.
Este proxecto aspira a xerar un impacto científico e social significativo, en liña cos obxectivos do Plan España Dixital 2025 e do Programa Horizonte Europa, promovendo un uso ético, inclusivo e transparente da IA nun sector estratéxico para a economía, como é o asegurador.
A Facultade de Dereito da UDC acolleu o pasado mes de xuño a xornada de presentación deste proxecto, un encontro no que se abordaron os usos actuais e potenciais da IA xerativa no eido do Dereito.