A UDC lucirá na Madrid Games Week a súa formación avanzada en videoxogos

mércores, 17 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

A Universidade da Coruña vai presentar en Madrid, perante o máis representativo da industria galega, estatal e internacional dos videoxogos, a súa oferta académica no sector. E farao na gran feira anual deste ámbito de emprendemento en proxección, a Madrid Games Week 2018, a través do Campus Innova, o Campus Industrial e a Facultade de Ciencias da Comunicación. Segundo lembra a UDC, o recinto IFEMA (sede da feira) xuntará entre o 18 e o 21 de outubro as grandes marcas do sector, amais de servir de escaparate aos grandes lanzamentos da tempada.
A Universidade da Coruña busca coa súa participación “achegarse ao público seareiro do mundo do videoxogo para presentarlle a súa oferta académica neste ámbito e poñer en valor a formación adquirida polo seu alumnado”.
Co devandito obxectivo, contará cun stand de seu (14.0E03), situado no pavillón 14 do recinto feiral.
De xeito complementario, participará de xeito activo nunha das grandes citas do programa, o sábado 20 ás 11:00 horas: unha conferencia que versará sobre a Oferta formativa da Universidade da Coruña en creación e desenvolvemento de videoxogos, impartida polo decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Luis Hernández.
Nun plano máis concreto, a UDC presentará os detalles do seu Grao en Creación Dixital, Animación e Videoxogos, un título oficial que iniciará o seu primeiro curso en setembro de 2019 e que abrangue, en palabras da entidade académica, “o proceso completo de produción de animación e videoxogos desde diferentes puntos de vista, incluíndo o creativo, técnico, artístico e comercial”.
Amais, a UDC mostrará as posibilidades que se abren co Mestrado en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos, que comezou a súa andaina no Campus de Ferrol neste curso 2018-2019 e que consiste nun título oficial que aborda as temáticas para “converter aos alumnos en profesionais con capacidade de achegar solucións creativas nunha industria cada vez máis dinámica e necesitada de talento”.

PUBLICIDADE