A UDC mobiliza recursos tecnolóxicos para garantir aulas seguras ante a COVID-19

mércores, 3 de febreiro do 2021 Redacción

A Universidade da Coruña puxo en marcha un proxecto para analizar a distribución de CO2 en aulas e dependencias universitarias. A finalidade da iniciativa é “garantir espazos seguros ante o SARS-COV2”. A maiores, quérese contribuír á mellora da eficiencia enerxética dos edificios. O Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC, co-lidera os traballos a desenvolver.
En labores de coordinación atópase o adxunto do reitor para Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, Carlos Escudero, investigador do CITIC e catedrático da área de Teoría do Sinal e Comunicacións do departamento de Enxeñaría de Computadores, que conta neste proxecto coa colaboración do Servizo de Informática e Comunicacións e o Servizo de Prevención de Riscos Laborais e do propio CITIC, a través dunha contribución anti-COVID da Axencia Galega de Innovación, GAIN.
Como dixemos, o obxectivo é establecer modelos para saber a evolución do CO2 segundo as características dun espazo e da ventilación, ocupación e distribución dos presentes nese lugar. Polo dito motivo, dispuxéronse catro estacións base para recoller os datos a través de tecnoloxías sen fíos con 57 medidores de CO2 que, ademais, proporcionan información de temperatura, humidade e presión atmosférica. Estes avaliadores situaranse en diversas aulas, bibliotecas e outros espazos de varios centros.

PUBLICIDADE