A UDC mostra á ministra de Traballo os detalles da Cidade das TIC

venres, 14 de maio do 2021 S. P.

A ministra de Traballo, a galega Yolanda Díaz, estivo na mañá deste 14 de maio na Universidade da Coruña, onde tratou diversas cuestións co reitor Julio Abalde, amais de impartir un coloquio e participar nunha charla organizada pola Cátedra Luis Fernández Somoza para a internacionalización dos estudos de Economía e Empresa da UDC. Na reunión co reito previa ao coloquio, trataron varios dos proxectos de creación de emprego cualificado da UDC. Entre estes proxectos atopábase a Cidade das TIC, a iniciativa para converter a antiga Fábrica de Armas da Coruña nun centro de coñecemento e emprendemento tecnolóxico.
Abalde explicou que a través da Cidade das TIC prevese crear dous mil novos postos de traballo en cinco anos.
Tamén lle mostrou os detalles da Unidade Mixta de Investigación UDC-Navantia e do plan de creación dun hub de eólica mariña offshore en Ferrol. A ministra de Traballo e Economía Social declarou ser coñecedora xa destes proxectos e manifestou o seu interese nos mesmos.
O reitor, despois na clausura da charla-coloquio da ministra, manifestou que a UDC, como universidade pública, “ten que axudar a que se creen postos de traballo cualificados e tecido produtivo que manteña aos universitarios con empregos de futuro”. Abalde tendeu a man á vicepresidenta Díaz para axudar nesta creación de “tecido produtivo de calidade para que a xente nova teña unha vida plena e poida xerar riqueza no país”.

PUBLICIDADE