A UDC oferta un curso gratuíto sobre a construción naval e a Industria 4.0

mércores, 24 de xaneiro do 2024 S. P.

A Universidade da Coruña, a través do Proxecto Europeo Erasmus+ Forward Looking at the Offshore Renewable Energies (FLORES), e a empresa CT Ingenieros veñen de relanzar o curso en liña Construción Naval e Industria 4.0, unha formación teórico-práctica de 20 horas de duración que poderá seguirse, de xeito totalmente gratuíto, entre o 19 de febreiro e o 18 de marzo, a través da Plataforma UDC Aberta.
Ao longo de catro semanas, o alumnado afondará nos principais conceptos da Industria 4.0 desde a perspectiva da súa aplicación á construción naval. Deste xeito, analizará máis polo miúdo a súa aplicación ao sector de tecnoloxías como a Internet das Cousas (IoT), a análise da información a gran escala (Big Data), a Minaría de Datos, os sistemas de Realidade Aumentada ou Realidade Mixta, a fabricación aditiva ou impresión 3D, a ciberseguridade, os robots colaborativos ou mesmo a simulación.
As persoas interesadas en participar terán que formalizar a súa inscrición a través da plataforma de educación en aberto da Universidade da Coruña. Esta actividade formativa está dirixida ao alumnado de bacharelato de rama tecnolóxica, de ciclos de Formación Profesional, de titulacións universitarias vinculadas ao eido da enxeñaría e a profesionais do sector.
Para obter o correspondente certificado de aproveitamento cómpre realizar todas as actividades prácticas propostas ao longo do curso. A maiores, o alumnado de calquera titulación de grao de Universidade da Coruña que queira optar ao recoñecemento de créditos ECTS debe solicitar, en tempo e forma, un certificado oficial dirixíndose ao Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE).
Proxecto FLORES
Impulsar a capacitación no sector das enerxías renovábeis offshore promovendo formacións específicas, contribuíndo ao desenvolvemento de carreiras neste ámbito profesional e facilitando a creación dun observatorio de oferta e demanda de capacidades. Este é o principal obxectivo do proxecto europeo FLORES que coordina o Centro Tecnolóxico do Mar – Fundación CETMAR, dependente da Consellaría do Mar, e no que colaboran a Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia (ASIME) e un total de 10 profesores/as e investigadores/as así como persoal técnico de apoio do Campus Industrial de Ferrol, pertencente á Universidade da Coruña
O proxecto está financiado pola Unión Europea a través da Axencia Executiva Europea de Educación e Cultura (EACEA) e conta cun orzamento de 700.000 euros. Pola súa banda, a Universidade da Coruña dispón de máis de 76.000 euros para mellorar ao oferta con accións de formación continua innovadoras tanto para profesionais das enerxías renovábeis mariñas como de calquera outro sector. Do mesmo xeito, no prazo de dous anos, terá que liderar a promoción de carreiras neste ámbito e achegará á sociedade, especialmente ao alumnado dos colexios e institutos galegos, ás enerxías limpas mariñas cunha clara perspectiva de xénero.