A UDC organiza a sétima edición da First LEGO League Galicia

venres, 14 de maio do 2021 Redacción

A Universidade da Coruña organiza, por sétimo ano consecutivo, a First LEGO League Galicia (FLL Galicia), o vindeiro sábado 29 de maio, nunha modalidade integramente en liña por mor da crise sanitaria derivada da COVID-19, entre as 09:00 e as 15:00 horas. Nesta edición, participan un total de 35 equipos (19 na categoría FLL Challenge, 13 na FLL Explore e 3 na FLL Discover) e máis de 250 mozos e mozas de toda Galicia. O evento, coordinado polo profesor José Antonio Becerra Permuy, poderá seguirse en directo a través da canle oficial de YouTube da FLL Galicia.
O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol acolleu este 14 de maio a presentación da sétima edición da liga galega, á que asistiron o alcalde do Concello de Ferrol, Ángel Manto Escalona; a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, María Jesús Movilla Fernández; o director do Campus Industrial, Ginés Nicolás Costa; o director da Escola Politécnica Superior, Armando Yáñez Casal; o director da Escola Universitaria Politécnica, Andrés Piñón Pazos; e o coordinador da FIRST LEGO League Galicia, José Antonio Becerra Permuy.
Como cada ano, colaboran nesta iniciativa o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), a Deputación Provincial da Coruña, o Concello de Ferrol e o Conservatorio Profesional de Música de Ferrol Xan Viaño. Ademais, patrocinan a FIRST Lego League Galicia a empresa Gabadi SL, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), GADIS, R, Error Ferrol!, PuntoGal, Neodyn, TodoOcio e Lidl.
Segundo se fixo saber no acto deste venres, a First LEGO League é un programa internacional que desafía a mozos e mozas, de entre 10 e 16 anos, a resolver problemas do mundo real como poden ser a reciclaxe, a educación ou as enerxías renovábeis.
Nesta tempada, a competición celebra os seus 15 anos en España. Ao longo de todo este tempo teñen participado nos distintos torneos clasificatorios e a gran final máis de 110.000 mozos e mozas organizados en 25.000 equipos.
Na edición 2020/21, a través do Desafío RePlay proponlles aos equipos que atopen solucións innovadoras para volver definir e revolucionar o xeito no que facemos deporte, xogamos ou nos movemos, empregando as ferramentas e a tecnoloxía de hoxe en día.
Os equipos teñen que resolver este desafío en tres áreas de traballo:
· O Proxecto Científico. Un proxecto científico que explique e detalle a súa solución innovadora como opción de mellora ao problema proposto.
· O Xogo do Robot. O deseño, construción e a programación dun robot LEGO Mindstorms Education que terá que superar divertidas misión nun taboleiro de xogo relacionado co desafío.
· A integración dos valores First LEGO League. Mentres os equipos desenvolven o Proxecto Científico e o Xogo do Robot, integran os valores First LEGO League: descubrimento, innovación, impacto, inclusión, colaboración e diversión.

PUBLICIDADE