A UDC organiza un obradoiro gratuíto sobre computación aplicada ao CERN
luns, 30 de setembro do 2024
A Universidade da Coruña organiza este mes (do día 2 ao 4 de outubro) un workshop de carácter nacional sobre a computación aplicada aos experimentos do Centro Europeo de Investigación Nuclear (CERN) e proxectos relacionados, que requiren unha grande cantidade de computación de alto rendemento.
O obxectivo principal deste encontro coruñés é “preparar as achegas dos grupos de investigación españois que traballan nestes eidos cara á próxima Estratexia Europea de Física de Partículas”. Este proceso de priorización define as liñas de acción das actividades europeas neste ámbito, e actualízase cada varios anos. De feito, a última actualización realizouse en 2020, estando prevista a seguinte para o ano 2025.
A inscrición no obradoiro é de balde, e, segundo explica a UDC, o contido pode resultar de “gran interese para estudantes de Enxeñaría Informática interesados no procesamento de datos e computación en física de partículas”, ademais “dunha excelente oportunidade para coñecer de primeira man os retos computacionais que acompañan os grandes experimentos científicos do CERN e involucrarse no futuro da investigación en física de altas enerxías”.