A UDC participa na Cidade das TIC no congreso Coruña Innovate Summit

mércores, 23 de outubro do 2024 S. P.

O Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC acollerá os días 24 e 25 de outubro o Coruña Innovate Summit, un encontro organizado por Data Spartan que reunirá a novas firmas innovadoras (startups), empresas e profesionais que traballan coas tecnoloxías máis innovadoras que darán forma ao futuro dos seus sectores. A UDC confirmou a súa participación na cita dando o seu apoio dende a Cidade das TIC e, tamén, achegando relatorios de primeiro nivel.
O evento Coruña Innovate Summit porá o foco nas novidades en materia de IA, Big Data ou Machine Learning, e no seu marco as persoas expertas que participarán nas xornadas mostrarán ao público asistente como dan vida a solucións dixitais, asumindo o reto de transformar as organizacións e tamén á sociedade.
O evento dará inicio mañá xoves, 24 de outubro, ás 16:30 horas, coa inauguración por parte do reitor da UDC, Ricardo Cao, e da deputada de Industria, Empresa, Medio Ambiente, Emprego e Política Demográfica, Rosa Ana García López. Tras o acto institucional, terán lugar as primeiras conferencias, a cargo de Enrique Vesteiro Rivas, responsable de Investigación, Desenvolvemento e Innovación no Grupo Cofrico, e Antonio Fabregat, líder de grafos do coñecemento en AstraZeneca.
Xa o venres 25, a UDC volverá a ter un papel protagonista, esta vez co relatorio a cargo de Amparo Alonso, catedrática da UDC e investigadora do CITIC da Universidade da Coruña, baixo o título IA cun orzamento: frugal e sostíbel, que abrirá as conferencias da mañá. A segunda xornada contará así mesmo con relatores procedentes do mundo empresarial como Paco Nathan, enxeñeiro principal DevRel en Senzing; Fernando Manzanera Pérez, líder técnico de fatiga e tolerancia ao dano en CT Ingenieros; Dimitrios Athanasakis, enxeñeiro principal de IA no Centro de IA en AstraZeneca; Rocío Vega Martínez, responsábel en dixitalización en Reganosa, Ioannis Alexandros Antonoglou, CTO e co.fundador de Reflection AI, Kadripathi KN, enxeñeiro de IA en IONA Drones UK, e David Vázquez, responsábel de desenvolvemento de negocio en ITG DroneSolutions.
O congreso Coruña Innovate Summit está organizado pola empresa DataSpartan e conta coa colaboración da Deputación da Coruña, o Clúster TIC Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia, Consorcio de Turismo da Coruña e o Centro de Servizos Avanzados (CSA).