A UDC participa no certame de teses nas redes sociais: #HiloTesis

venres, 31 de maio do 2024 S. P.

A posta en marcha da cuarta edición do certame #HiloTesis: A túa tese doutoral en redes sociais, ven de ser anunciada e a Universidade da Coruña confirmou a súa participación este 31 de maio. Trátase dunha iniciativa da Conferencia de Reitores e Reitoras das Universidades Españolas (CRUE), en colaboración coa Rede de Divulgación e Cultura Científica (RedDivulga) da sectorial CRUE-I+D+i e a Fundación Ignacio Larramendi e organizada pola Universidade da Coruña (UDC), a través da Unidade de Divulgación Científica e Cultural.
O obxectivo deste certame é o de promover a actividade divulgadora entre o alumnado de doutoramento. Así, as persoas investigadoras en formación/doutorandas, tanto se defenderon a súa tese nos últimos 12 meses, coma se a están a desenvolver, teñen a posibilidade de dar a coñecer os seus traballos para reforzar a relevancia social da investigación. O ano pasado presentáronse 384 teses de 47 universidades asociadas á CRUE.
As persoas interesadas en partcipar teñen que elaborar unha publicación en formato de fío nas redes sociais X (antes Twitter), Threads, Bluesky e Mastodon, ou empregar o carrusel de imaxes de Instagram, aproveitando as súas posibilidades como canles de comunicación. O contido debe adaptarse a unha linguaxe sinxela, accesíbel e atractiva. Nesta cuarta edición haberá seis premios dotados con 500 euros cada un, grazas ao financiamento achegado pola Fundación Ignacio Larramendi.
O concurso desenvolverase desde as 0:00 do 1 de xuño até as 23:59 do 15 de xuño de 2024 (hora peninsular). A primeira publicación do fío ou carrusel deberá incluír o hashtag #HiloTesis e, se é posíbel, citar ou etiquetar nunha imaxe a @CrueUniversidad, @RedDivulga, @filarramendi e á conta da universidade participante ou, no seu caso, á súa UCC+I, se dispoñen dela. As publicacións poderán ser en calquera das linguas cooficiais do estado, pero a súa universidade achegará unha versión traducida ao español no caso de que resulte elixido para a fase nacional.
O #HiloTesis poderá publicarse en múltiples redes sociais, pero a persoa participante deberá indicar no formulario con cal delas desexa participar.
O persoal investigador en formación participante deberá, unha vez publicado o fío ou o carrusel, inscribirse e facilitar a ligazón a través do formulario específico habilitado.
As candidaturas deberán contar co visto e prace da persoa que dirixa a tese e garantir que a información proporcionada é susceptíbel de difusión pública. Se as investigacións estivesen vinculadas a algún acordo de confidencialidade, o alumnado deberá contrastar coas partes implicadas os contidos usados no concurso.
Cada universidade participante escollerá nun prazo de 7 días naturais tras o remate do concurso, un #HiloTesis finalista que será enviado á organización para a súa avaliación polo xurado nacional proposto RedDivulga. O fallo producirase aproximadamente na primeira quincena do mes de xullo.