A UDC pon a súa excelencia innovadora ao servizo da comunidade STEMbach

luns, 29 de outubro do 2018 Redacción

O Campus Innova da Universidade da Coruña recibiu a semana pasada a visita dun grupo de escolares do IES Francisco Daviña Rey, de Monforte de Lemos (Lugo), que están a cursar o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía, ou STEMbach, que como sinalamos hai uns días dende Código Cero están a cursar (por vez primeira) uns 200 estudantes na nosa terra de quince centros educativos galegos. O obxectivo da UDC con esta visita foi mostrar o seu apoio a esta nova opción formativa impulsada pola Consellería de Cultura e Educación ao abeiro de Edudixital 2020, cuxo obxectivo é compartido pola Universidade: promover a vocación do alumnado pola tecnoloxía e a ciencia.
Nun plano máis concreto, os escolares do IES Francisco Daviña Rey tiveron a oportunidade de visitar os centros de investigación CITIC, CICA e CITEEC, a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos e a Facultade de Informática, así como coñecer a investigación realizada por algúns grupos da Facultade de Filoloxía no ámbito das humanidades dixitais.
Con motivo a actividade, a UDC lembrou que vai traballar co STEMbach noutras accións como por exemplo dando soporte á realización dos proxectos de investigación que realicen as e os estudantes durante o seu segundo curso formativo: un proxecto de investigación individual ou colectivo, con posterior defensa pública, co-dirixido por unha persoa docente pertencente a un departamento universitario ou a un centro de investigación de prestixio do Sistema Universitario de Galicia (SUG).

PUBLICIDADE