A UDC pon ao dispor da súa comunidade un recurso de tradución automática con 14 pares de linguas

xoves, 14 de marzo do 2013 Redacción

A Universidade da Coruña vén de poñer ao dispor da comunidade universitaria un servizo de tradución automática que abrangue ata 14 pares de linguas. O recurso, que se achega a estudantes, profesores e investigadores a través da intranet, ofrece o par de linguas que a xuízo da UDC resulta de meirande interese para a nosa contorna: o galego-castelán. O servizo permite a adaptación de textos dun idioma a outro de maneira directa, engadíndose a posibilidade de traballar con ficheiros enteiros (en formatos txt, html, doc, odt, ods, odp docx, xlsx e pptx) e máis con páxinas web. Podemos acceder ao tradutor a través da páxina específica de seu ou ben do sitio xeral da universidade.
Segundo informa a UDC esta ferramenta insírese nun obxectivo de mellora e modernización dos servizos da propia institución educativa galega, e está desenvolvida dende o Consorcio para o Desenvolvemento de Aplicacións para a Xestión Universitaria (CIXUG) en colaboración coas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG). A súa estrutura está constituída por dous nodos, un na Universidade de Vigo e o segundo na Universidade da Coruña, sendo a Universidade de Santiago a responsable do Centro de Atención ao Usuario (CAU). “O tradutor”, informa a UDC, “é unha ferramenta óptima para elaborar a versión castelá daquela documentación que teña que producir efectos fóra de Galicia ou da que sexa aconsellable dispor de versión bilingüe; tamén pode ser útil para a tradución ao galego de material de aula por parte do persoal docente ou daquel material de apoio empregado en cursos ou congresos, aínda que o texto resultante non debe ser entendido como un texto definitivo, senón que é imprescindible que sexa revisado e cotexado co seu orixinal pola persoa responsable”.
Asemade, cómpre sinalar que non se trata dunha ferramenta pechada senón que está en constante proceso de mellora e perfeccionamento, proceso no cal a colaboración das persoas usuarias é de extrema utilidade.