A UDC proxecta a instalación dunha incubadora de alta tecnoloxía na Cidade das TIC: SinerxIA
mércores, 24 de xullo do 2024
- Exterior do Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC
No marco do plan de actuación da Universidade da Coruña na Cidade das TIC (complexo de coñecemento tecnolóxico avanzado emprazado na antiga Fábrica de Armas), a institución proxectou a posta en marcha dunha nova infraestrutura dirixida a potenciar a transferencia de coñecemento no ámbito da IA. Trátase de SinerxIA, unha Incubadora de Alta Tecnoloxía en Intelixencia Artificial que vén de presentarse á segunda convocatoria da Fundación INCYDE para este tipo de proxectos.
En palabras da UDC, “esta incubadora configúrase como unha oportunidade para facer medrar o ecosistema tecnolóxico de Galicia e consolidar o Polo Tecnolóxico da Cidade das TIC” e permitirá conectar as capacidades e esforzos público-privados para o desenvolvemento de novas solucións tecnolóxicas no ámbito da IA (Intelixencia Artificial), mediante a creación e desenvolvemento de novas firmas innovadoras (startups), actuando como vehículo de transferencia de tecnoloxía aos sectores empresariais vinculados á saúde e biotecnoloxía, sector industrial e emprendemento dixital.
Para a posta en marcha de SinerxIA, que conta co apoio do IGAPE, prevese a rehabilitación dun edificio xa existente, situado ao carón do Centro de Servizos Avanzados (CSA), e que conta cuns 2.200 metros cadados de superficie. Así, o plan baséase na rehabilitación, adecuación e distribución dos usos a través do acondicionamento dos diferentes espazos dos que se beneficiarán as empresas. En total, a UDC espera contar cunha dotación económica superior aos 5 millóns de euros para poder levar a cabo esta actuación.
A Cidade das TIC conta na actualidade coas seguintes actuacións: o Galaxy Lab, centro de experimentación avanzada de Intelixencia Artificial; o Centro de Servizos Avanzados (CSA), un espazo de traballo e colaboración do sector TIC, en funcionamento e financiado con fondos do IGAPE; o escenario virtual impulsado pola Deputación da Coruña, e que ten as obras en marcha; o Centro de Formación Especializada, promovido pola Xunta, hoxe en fase de redacción do proxecto; e por último, a creación de varios escenarios físicos, complementarios aos virtuais, promovidos por Pedralonga Estudios, unha agrupación de empresas do sector audiovisual de Galicia, que prevé a construción de dous platós que situarán a Galicia como referente para as rodaxes.