A UDC recoñece un sensor de nanoplásticos, unha aplicación móbil e un ecommerce de videoxogos indie
luns, 6 de xullo do 2026
A Universidade da Coruña (UDC) vén de resolver a convocatoria dos premios para emprendedores universitarios do programa Santander X Spain Awards, unha iniciativa destinada a impulsar o desenvolvemento de proxectos innovadores promovidos por membros da comunidade universitaria.
Os tres proxectos premiados recibirán unha dotación económica de 2.000 euros cada un, destinada a apoiar o desenvolvemento das solucións emprendedoras presentadas.
As propostas gañadoras nesta edición son: ValoraT, promovido por Mathías López Córdoba, do Grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte; Nido, de Victoria Porteiro Bertoa, do Máster Universitario en Realidade Estendida e CNTEK, impulsado por Blanca Riveiro, do Grao de Nanociencia e Nanotecnoloxía, Blanca Riveiro.
O proxecto CNTEK desenvolve un sensor para detectar nanoplásticos na auga. Segundo informou a súa desenvolvedora, a presenza de micro e nanoplásticos na auga está a ser un problema importante de saúde pública e ambiental e detectalos fóra do laboratorio, é dicir, no sitio onde están presentes e ao momento, é actualmente un dos retos das investigacións neste eido. Este proxecto nace para cubrir precisamente ese oco.
Pola súa banda, Valora-T propón unha aplicación capaz de converter o teléfono móbil nun sistema de avaliación da saúde mediante intelixencia e visión artificial, permitindo un seguimento continuo do estado das persoas usuarias. Coa súa proposta, permitirá automatizar a monitoraxe continua co máximo rigor científico.
No caso de Nido, a iniciativa crea unha plataforma de comercio electrónico que ofrece videoxogos independentes xunto a figuras coleccionables físicas deseñadas cun estilo único. A UDC valorou que este proxecto “ofrece unha forma única de descubrir e coleccionar videoxogos independentes de calidade, recuperando o formato físico ao tempo que o fusiona co dixital para ofrecer unha experiencia única, tanxible e emocional”.
Ademais, o xurado acordou conceder unha Mención de Honra, sen contía económica asociada, ao proxecto Uno más en casa, presentado por David Feijóo Villar, estudante do dobre grado ADE e Dereito na UDC, que presentou un proxecto de carácter social que promove a convivencia entre estudantes e persoas maiores mediante un sistema de acompañamento.
O programa Santander X para proxectos emprendedores universitarios constitúe unha das principais iniciativas de apoio ao emprendemento universitario, co obxectivo de favorecer a transformación de ideas innovadoras en proxectos con potencial de impacto social, tecnolóxico e económico. A convocatoria na UDC busca recoñecer o talento emprendedor e contribuír á consolidación de novas iniciativas xurdidas no ámbito universitario.
