A UDC traballa nunha rede internacional de IA para o diagnóstico de retinopatía diabética
venres, 10 de outubro do 2025
Desenvolver un sistema pioneiro de Intelixencia Artificial (IA) para a detección e caracterización automatizada da Retinopatía Diabética (RD) é a meta que perseguen o grupo de Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns (VARPA) da Universidade da Coruña (UDC) co apoio dun equipo de persoal investigador do grupo Supera, do Instituto Federal de Piauí (Brasil).
Pola súa banda a UDC está a acoller estes días as reunións de lanzamento deste novo proxecto de IA vencellada á saúde que se insiren no contexto da colaboración existente entre ambas as dúas institucións académicas establecido a través da sinatura, a comezos deste mesmo ano, dun convenio específico para a realización de actividades conxuntas (académicas, científicas e técnicas).
Indo ao proxecto en cuestión, sinalar que unha peza fundamental é a utilización de retinografías portátiles, máis económicas e axeitadas para o uso en contornas remotas, o que permite achegar ferramentas avanzadas na detección desta patoloxía. Este proxecto está financiado polo Consello Nacional de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico do Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía de Brasil. Neste senso, hai que salientar outra das características desta iniciativa que integra a parte investigadora coa de cooperación, dado que se desenvolverá en zonas rurais nas que, doutro xeito, a diagnose chegaría con moita dificultade e, probablemente, máis tarde.
Os equipos impulsores deste proxecto reuníronse na Reitoría nun formato híbrido, no que estiveron presentes o reitor da UDC, Ricardo Cao, xunto cos investigadores do Grupo VARPA, Marcos Ortega, director do grupo; Jorge Novo e Joaquim De Moura, responsable do proxecto por parte da UDC. Como parte do equipo de Brasil, estiveron Rafael Ângelo Santos Leite, responsable do proxecto en Brasil e Igor Bezerra Reis, profesores do Instituto Federal de Educação, Ciência e Tecnologia do Piauí. A eles sumáronse en formato on-line representantes institucionais dos socios do proxecto en Brasil, incluíndo Antônio Reis, alcalde de Floriano; Odimógenes Soares, vicerreitor de profesorado en IFPI; Mariana Batista, Hospital Oftalmolóxico Bucar e Christian Heinze, en representación da Embaixada de Brasil en España.
Os impulsores desta iniciativa subliñaron que este proxecto “non só mellorará de xeito significativo a calidade de vida das e dos pacientes diabéticos, senón que tamén situará a Brasil e a España na vangarda da investigación en IA aplicada á saúde”.
Alén disto, esta acción dá continuidade ao traballo do Grupo VARPA no desenvolvemento e implementación de tecnoloxías socio-sanitarias a nivel internacional, onde salientan traballos previos como SMART-TDAH, de tecnoloxías inclusivas baseadas en IA para a mellora da atención educativa ao TDAH en contextos vulnerables do Sur Global.
